EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro é a primeira de Galicia en ter un dominio web “.wine”

Esta nova interface presenta espazos privados para os adegueiros, contido fixo e contido que se irá renovando a través de novas, eventos e un blog
Felicísimo Pereira, presidente da D.O. Ribeiro tamén presentou a web // Foto: Carlos Asensio.

A Denominación de Orixe O Ribeiro vén de presentar a súa nova páxina web. Unha nova faciana coa que presentarse aos clientes e que, como novidade, “é a primeira de Galicia en rexistrar un dominio .wine”, explicou Cristina Alcalá, xerente da D.O. , na presentación de hoxe, 9 de xuño. Este dominio foi creado pola Unión Europea en 2005 de xeito limitado e sacounos a concurso “habíaos .wine e .vin, en francés”, dixo Alcalá. Actualmente, calquera Denominación de Orixe que queira pode rexistralo.

Esta nova interface, ou carta de presentación en liña do Ribeiro, presenta dúas características particulares: “por unha banda incorporamos unha parte orientada ao consumidor e, por outro lado, haberá un espazo privado para, exclusiva para os adegueiros”, dixo a xerente. Neste espazo, segundo contou, será personalizado para cada adegueiro cun usuario e un contrasinal. Dentro del, poderá atopar os diferentes documentos administrativos do Consello Regulador que precisa “para un cambio de etiquetaxe, por exemplo”, explicou Cristina Alcalá. Asemade de información propia e personalizada para cada adegueiro, como por exemplo os resultados dalgunhas análises das uvas etc. A xerente da D.O., Cristina Alcalá aseverou que “con todo isto queriamos mellorar o déficit que había coa outra web”.

Esta nova interface contén información ata do tipo de uvas presentes na zona do Ribeiro.

Tamén presentan outra novidade en materia de seguridade, xa que esta nova web presenta un dominio que a garante que o sitio é seguro e non pode ser prexudicial para a persoa que navega. E tamén está adaptada a calquera dispositivo, “isto quere dicir que a interface vaise adaptar ao móbil, tableta ou ordenador”, explicou Alcalá.

A inferface presenta un apartado de novas e un blog que se irá actualizando periodicamente. // Foto: Carlos Asensio.

No eido do contido, esta nova web presenta tamén dous tipos: o contido fixo, que vai dende a información sobre as 115 adegas pertencentes a este Consello Regulador, pasando polos tipos de uva, a localización da D.O, é dicir, un senfín de contidos de utilidade para dar a coñecer máis este Consello. Logo está o contido máis dinámico o cambiante, no que se vai actualizando coas actividades, novas ou programación, como a do festival Ribeiro Son. Novas, eventos, vídeos e tamén incorporan o “Blog Ribeiro” que se irá actualizando con entradas periódicas. Neste senso, a xerente apuntou que “queriamos que fóra un contido interesante e atractivo para o lector”. E todo este contido poderá ser compartido nas redes sociais.

No eido dos pequenos detalles, a web está dispoñible en castelán, galego e inglés. Pero, Cristina Alcalá asegurou que esta nova web “é máis cambiante” e que a que presentaron hoxe irase actualizando, cambiando, xerando contidos etc. polo que “dentro de moito tempo igual é unha web totalmente diferente”, apuntou.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button