EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro entrega os seus galardóns

Nesta edición resultaban premiados o branco de adega Ramón de Casar Treixadura, o branco de colleiteiro Pazo Tizón Extramundi e o tinto Viña Uzal

O claustro do Mosteiro de San Clodio (Leiro) acollía na mañá do 29 de xuño a entrega da quinta edición dos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro nunha gala organizada polo seu consello regulador e que reunía a máis de 300 persoas. O acto, presentado polo actor ourensán Sergio Pazos, estaba estruturado en tres bloques.

O primeiro deles comezaba co recoñecemento á mellor tarefa de comunicación, que lle correspondía a Salvador Manjón, director de “La Semana Vitivinícola” “pola súa contribución á mellor difusión e coñecemento da cultura do viño”. Tras recibir o galardón, amosábase “ilusionado e responsable” e aproveitaba a ocasión para recoñecer o labor do medio de comunicación que dirixe, “e sen o cal non estaría hoxe aquí. Ten sido un dinamizador e un actor importante do que é o sector vitivinícola en España”. Tamén recoñecía o labor do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, destacando que “soubo mirar á terra e ás súas variedades autóctonas”, e aseguraba que ten “un futuro prometedor”.

De seguido entregábase o premio “Muller e viño” que distinguía a Bodegas Santa Cecilia. Recollíao a súa directora de markting, Mayte Santa Cecilia, quen lembraba a traxectoria de 30 anos dedicados ao mundo do viño deste empresa e tiña un recordo especial para a súa familia e, en especial, para a súa nai. “É unha honra especial que este premio sexa do Ribeiro porque a miña nai era galega e perdina hai un ano, por iso para min é moi emocionante estar nesta terra”. A continuación subíanse ao escenario un grupo de alumnos do Instituto Galego do Viño que galardoados no apartado “mellor traballo de investigación Ingavi” por “Ribeiro, un tesouro no interior de Galicia”.

Nun segundo bloque da gala outorgábanse os tres premios dedicados ao traballo e á implicación do sector hostaleiro: ao mellor servizo de viño en restaurante que era para o Galileo (Ourense), á mellor tenda especializada-viñoteca que recaía en Santorum (Ourense) e á mellor taberna-Bar de Viños que lle correspondía ao Bacoriño (Ferrol).

Os viños convertíanse nos principais protagonistas na parte final da gala, na que se desvelaban os resultados da cata deste ano da D.O. Ribeiro. Nela participaba un panel de expertos formado por Mikel Zeberio, xornalista gastronómico de Deia, entre outros diarios; David Seijas, ex sumiller de El Bulli; Bartolomé Sánchez, catador e foi director da revista “MiVino”; Salvador Manjón, director da publicación “La Semana Vitivinícola”; Eufrasio Sánchez, xornalista de “El Comercio” de Gijón; Constantino Iglesias, da Asociación Galega de Catadores; Alberto Román García, da Asociación de Sumilleres Gallaecia; Pedro Villamarín, da Asociación Gallega de Sumilleres; Lorena Alonso, da Asociación de Enólogos de Galicia, e os catadores Antonio Santamaría e Antonio Raluy.

Comezábase pola categoría de tintos na que resultaban finalistas Val do Deva, de Pilar Rivera; Señorío de Beade, de A Portela; Viña Uzal de Julia Guntín Villanueva; e Sameirás, de Antonio Cajide, foron os finalistas. Deles resultaba como mellor valorado o Viña Uzal. Logo pasábase ao branco de colleiteiro onde chegaba á finale Eduardo Bravo, de José González; Pazos de Albor, de Mónica Albor; Pazo Tizón Extramundi 2015 de Pazo Tizón; e Mauro Estévez, de José Estévez. A distinción era para Pazo Tizón Extramundi. No caso do branco de adega os finalistas eran Farnadas, de Pazo Vieite; Cunqueiro III Milenium de Bodegas Cunqueiro; Ramón do Casar Treixadura 2015 da Adega Ramón do Casar e Expresión de Pazo do Mar, de Adegas Pazo do Mar. O galardón recollíao Ramón do Casar Treixadura.

Ademais nesta edición incluíase un novo recoñecemento, o “Vida entre vides”, entendido como unha homenaxe ao traballo de toda unha vida na viticultura e que recibía Avelino Lorenzo de mans da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen, resaltaba a importancia deste sector agroalimentario na economía galega e aludía aos seus retos. “O mundo da venda de viño é cada vez máis competitivo e require ampliar os mercados para manter un nivel de crecemento económico axeitado”.

A gala completábase co premio “Persoeiro de honra” que era para o xornalista Cristino Álvarez, quen non puido estar presente por motivos de saúde. Recolleuno no seu nome a xerente do CRDO Cristina Alcalá. Entregábao o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva. Ademais Alcalá leu unhas palabras escritas polo premiado nas que expresaba o seu agradecemento e destacaba que o do Ribeiro “é un viño cun gran pasado, un magnífico presente e un esplendoroso futuro”.

A continuación, o delegado do Goberno en Galicia destacaba que “o importante labor de promoción que realizan desta terra a través da defensa deste viño. O traballo desenvolvido é importantísimo no ámbito turístico nunha zona da nosa comunidade xa consolidado como referente turístico para os que nos visitan”.

Artigos relacionados

Back to top button