Dando continuidade á misión comercial realizada o ano pasado á cidade de México para presentar e dar a coñecer a marca Ribeiro así como os seus viños en distintos eventos, a D.O. Ribeiro recibía en abril a corresponsais mexicanos en España do portal de Aristegui Noticias, a Agencia Mexicana de Noticia (Notimex) e o portal especializado en vinos Vínica.es.
Durante tres días os corresponsais “descubriron de primeira man a D.O. que levou por primeira vez os viños españois a América”, explican dende O Ribeiro, indicando que o intenso programa incluíu a visita ás adegas Casal de Armán, Viña Mein, Coto de Gomariz, Priorato de Razamonde, Pazo Casanova, Terra do Castelo e Bodegas GRM, así como a gastronomía autóctona da zona acompañada dun túnel de viños no que se incluíu tamén o viño da Bodega Alanís.