ConcellosÚltima hora

Danan por segunda vez a instalación artística “Little Venice” de enBarcArte

Parte desta obra, realizada polo artista barquense Jorge Barredo, aparecía volcada no río Sil na mañá do 20 de setembro

 

Unha das casas en madeira da instalación, volcada e tirada no río Sil./ Foto: Jorge Barredo.

 

Novamente as instalacións artísticas que forman parte do festival enBarcArte, que se desenvolverá ata o vindeiro 30 de setembro no Barco, teñen sido obxecto dunha acción vandálica. Na mañá do 20 de setembro unha das partes da obra “Little Venice”, realizada polo creador valdeorrés Jorge Barredo, aparecía volcada no río Sil.

Esta mesma instalación, que xa está reparada e colocada no mesmo lugar, resultaba xa danada poucas horas despois do inicio do festival o 8 de setembro e, tras varios días para arranxala, volvía a expoñerse. Jorge Barredo, que é tamén o comisario de enBarcArte, lamentaba esta nova acción vandálica contra a obra e volvía pedir que a xente se “conciencie e que respecte estes traballos artísticos”.

Nas últimas horas había tamén algún desperfecto no mobiliario que forma parte da instalación “Siéntete… como en casa” de Los Ratón (situada na praza do Concello do Barco), que tamén foi arranxado. Ademais, a obra “Consumo consumado” retirábase a comezos desta semana ao desaparecer a maior parte dos seus elementos.

No caso de que continúen repetíndose este tipo de situacións, dende a organización de enBarcArte podería valorarse a posibilidade de finalizar coa mostra de instalacións antes do 30 de setembro.

 

Outra imaxe de “Little Venice”, tras ser danada./ Foto: Jorge Barredo.

Artigos relacionados

Back to top button