En portadaÚltima hora

Danan unha das instalacións de enBarcArte colocada no río Sil

Esta obra, denominada “Little Venice”, acendíase tras inauguración deste festival no Barco o sábado 8 de setembro e poucas horas despois era obxecto dunha acción vandálica

Unha das sete obras que forman parte do Iº Festival de Instalacións Artísticas no contexto urbano do Barco, enBarcArte, aparecía estropeada poucas horas despois da inauguración do certame, o pasado 8 de setembro. Trátase de “Little Venice”, unha peza realizada polo barquense Jorge Barredo, que é tamén o comisario do certame.

Jorge Barredo, xunto a outros artistas, nun dos momentos da colocación desta instalación no río Sil.

“A instalación acendémola a maioría dos artistas despois da apertura da exposición na sala Abanca como acto iniciático, máxico e entrañable. Horas despois, de madrugada, vandalizábana”, comenta Barredo, que lamenta a situación e pide concienciación social e respecto por este conxunto de manifestacións artísticas que están na rúa. “Restaurala e repoñela é complicado porque leva traballo, tempo e diñeiro, pero imos facelo”, engade. Tamén matiza que este tipo de comportamentos son os “dunha minoría de persoas”, xa que a maior parte da xente “está interactuando coas obras con total normalidade e con respecto”.

 

 

A instalación danada pola acción vandálica estará reposta nesta semana para que poida ser admirada ao longo das tres semanas que durará este festival (ata o 30 de setembro). “Poremos carteis xunto a ela indicando que non debe tocarse e que non se está permitido subirse sobre ela porque é perigoso”.

Fotos cedidas por Jorge Barredo.

 

A instalación tras ser colocada no río Sil na noite do 8 de setembro.

Artigos relacionados

Back to top button