Ourense

Dando a benvida á primavera na cidade

Ourense celebrará a Festa de S. Lázaro o 6 de abril coa tradicional “queima das madamitas”

MadamitasenOurense

Un ano máis, a cidade de Ourense despedirá o inverno coa festa de San Lázaro o segundo domingo antes de Pascua.
Esta celebración coa que se dá a benvida á primavera, centrada no parque de nome homónimo, vai unida ás rosquillas que os pais e padriños regalaban aos nenos. Por iso a fin de semana do 5 e 6 de abril, o entorno do parque de San Lázaro, encherase de postos con roscas, lambetadas, abelás e produtos típicos.

O día grande desta festa será o domingo día 6 cun programa de actos organizado dende o departamento de Cultura do Concello de Ourense. Xa de boa mañá serán as bombas de palenque as que anuncien o día festivo, que comezará coa tradicional misa na honra ao santo, na igrexa parroquial de Santo Domingo prevista para as 11h. Trala eucaristía, sairá a procesión que discurrirá ata a igrexa conventual dos Franciscanos, no propio parque. Ao longo da mañá tampouco faltarán as alboradas a cargo dos gaiteriros “Gomes Moure” e os cabezudos polas rúas do paseo, Santo Domingo e o parque San Lázaro.

Para as 12:30h. está previsto o concerto no parque da Banda Municipal de Música que dirixe D. Francisco Pérez Rodríguez, seguido pola “queima das madamitas” diante da Subdelegación do Goberno. Trátase dun chamativo espectáculo de orixe pagán que se remonta ao século XII, conservado a través desta tradición que foi cristianizada, e que simboliza a purificación fronte ás pestes, a fame e a lepra que asolaron a cidade de Ourense na Idade Media. Polo xeral “as madamitas” son tres ou catro figuras articuladas feitas con arames, papeis e pólvora que xiran antes de quedar totalmente destruídas polas sucesivas explosións dos petardos que levan dentro. O espectáculo corre a cargo da Pirotecnia Josman.

Texto: Mónica G. Bellver/Ourense Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button