SanidadeÚltima hora

Danse de alta os 4 últimos pacientes con Covid-19 da Unidade Residencial Medicalizada de Piñor

Por este centro pasaron ata hoxe 80 doentes positivos ao coronavirus e procedentes maioritariamente das distintas residencias sociosanitarias da provincia, segundo Sanidade

Imaxe do Hospital de Piñor./ Foto cedida.

 

Tras a alta dos seus últimos catro pacientes nesta mañá, a Unidade Residencial Medicalizada de Piñor vén de pechar as súas portas, tras un intenso período iniciado o pasado 12 de abril co fin de dar unha resposta asistencial integral aos pacientes Covid procedentes, maioritariamente, de residencias, e que permitíu atender a 80 persoas.

Dos últimos ingresos, tres voltaron hoxe ás súas residencias de orixe plenamente recuperados, as de San José e DomusVi Ourense, restando o cuarto uns días mais no Hospital Universitario de Ourense ata súa plena recuperación, segundo informa a Consellería de Sanidade.

Co peche destas instalacións, que permanecerán dispoñibles para a súa reapertura inmediata en caso dun repunte, supérase un intenso capítulo da sanidade pública de Ourense, no que colaborou voluntariamente persoal sanitario e residentes en formación de Centros de Saúde, Puntos de Atención Continuada e do Hospital Universitario de Ourense, e que funcionou como unha planta Covid-19 mais.

Por este centro pasaron ata hoxe 80 doentes positivos a Covid, procedentes maioritariamente das distintas residencias sociosanitarias da provincia, cun estado de saúde que, “se ben non requería dun ingreso hospitalario, si precisaba duns coidados sanitarios continuados, ademais de estritas medidas de prevención para evitar a extensión da infección nas súas residencias de orixe, onde a concorrencia de persoas maiores con factores de risco, dificultaba o seu manexo e atención”, indica Sanidade.

“Deu unha resposta áxil”

A apertura de Piñor como Unidade Residencial, motivou o traslado dos pacientes da Unidade de Rehabilitación Psiquiátrica ali ubicada á Casa de Exercicios, e deu “unha resposta áxil aos problemas detectados na Residencia a Nosa Señora de Fátima, de O Barco de Valdeorras, desde a que se trasladaron os primeiros pacientes, e aos que lle seguiron usuarios doutras moitas”, segundo Sanidade.

A súa posta en marcha permitíu dispoñer dunha resposta asistencial integralmente prestada por persoal sanitario e non sanitario do Servizo Galego de Saúde, nun equipo multiprofesional composto por celadores, técnicos de coidados auxiliares de enfermería (TCAE), persoal de enfermería, e persoal de médico. Con elo a nova unidade nacía con capacidade para atender tamén a residentes con problemas de mobilidade ou dependenza, asi como outras necesidades médicas, complementando así á Residencia de Os Milagres.

A Unidade de Piñor funcionou como unha unidade mais do Hospital Universitario de Ourense, con cobertura parte dos servizos diagnósticos, así como de Farmacia Hospitalaria, Recursos Materiais, Loxística, Mantemento, Cociña, etc.

Artigos relacionados

Back to top button