CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

“Danzalia Pimentel Santiago”, dos directos de Facebook dende Somoza (A Rúa) á TVG

Os valdeorreses Santiago Pimentel e Verónica Martínez veñen de saír no programa "Galicia Noticias Mañá"

 

Comezaron coma quen non quere a cousa hai un ano, cando o estado de alarma pola pandemia de coronavirus obrigaba a pechar o Dipöp (local de copas que rexentan na Rúa) e suspendía festas e celebracións ao aire libre que amenizaban coa discoteca móvil Danzalia; e hoxe son xa uns habituais da fin de semana a través do Facebook, retransmitindo en streaming sesións musicais que o seu público segue dende diferentes partes do mundo.

A parella formada por Santiago Pimentel (picadiscos) e Verónica Martínez (speaker) empezaron a emitir dende a súa propia casa en Somoza (A Rúa) en pleno confinamento para facer máis levadeira a noite do sábado, conseguindo cada vez máis seguidores e ultimamente, malia que as restricións xa non son tan estritas manteñen os directos, aumentando a dúas sesións semanais, a do vermú, os domingos ao mediodía, e a orixinal o sábado pola noite.

Unha iniciativa tan peculiar como interesante que chamou a atención da Televisión de Galicia. Así, na mañá deste xoves 8 de abril, un equipo desta canle desprazábase ata A Rúa para gravar unha sesión especial en directo e coñecer de primeira man a historia desta parella, que saía na pequena pantalla no programa de hoxe, venres 9 de abril, de “Galicia Noticias Mañá” presentado por Eduardo Herrero.

 

Artigos relacionados

Back to top button