A VeigaConcellosÚltima hora

Das 29.000 has da Veiga, o 50% son de superficie arborada cun gran valor forestal

Así se poñía de manifesto na presentación neste concello do programa de xestión forestal Sinerxia

 

O recurso forestal é un dos valiosos dos que posúe o territorio da Veiga. “O concello ten unha superficie dunhas 29.000 has, das cales case o 50% son de superficie arborada”, explicaba un dos técnicos da empresa AMETLAN, asentada neste municipio valdeorrés, durante a presentación esta mañá do programa Sinerxia, que pretende ser unha ferramenta que englobe a xestión administrativa, económica e forestal das distintas propiedades forestais.

Este acto contaba coa asistencia do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), José Ignacio Lema, do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; e do alcalde veigués, Juan Anta. No seu decurso amosábanse as características do recurso forestal da Veiga, incidindo, de forma especial, na gran importancia das súas plantacións de piñeiro silvestre (algunhas con máis de 65 anos) e das súas masas de frondosas. Ademais da produción madeireira tamén se aposta por outras complementarias como poden ser a micolóxica, a do arando silvestre ou os aceites esenciais.

O programa Sinerxia está financiado con axudas da Xunta, en concreto do programa da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para impulsar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, financiado con fondos Feader.

Neste acto, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal puxo en valor o papel das empresas de servizos, como é o caso de AMETLAN que aposta pola certificación forestal (con case 4.000 has certificadas neste momento, que pretende duplicar no 2021), na xestión forestal en Galicia. “Son o primeiro eslabón entre a propiedade, a xestión forestal e a cadea de valor da madeira” e incidiu na importancia de traballar “para buscar unha xestión activa das masas de frondosas” de cara a súa posta en valor.

Ademais indicaba que a Xunta repartirá máis de 4,5 millóns de euros entre case 700 beneficiarios para que elaboren instrumentos de ordenación ou xestión forestal en 2021. Aseguraba que está previsto que na semana vindeira se remitan as notificacións de concesión destas axudas públicas para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión dos montes galegos.

Ao tempo, destacou que a provincia de Ourense aglutinará a meirande parte destas achegas, ao superar os 1,6 millóns de euros para case 270 solicitantes. Séguena, por esta orde, Lugo -con case 1,5 millóns para máis de 200 beneficiarios-, Pontevedra -con máis dun millón para case 170 solicitantes- e A Coruña -con case 325.000 euros para preto de 60 beneficiarios-.

José Luis Chan tamén explicaba que a consellería está a crear unha arquitectura dixital do monte que permitirá “facer un seguimento, en tempo real, do estado dos nosos bosques e do impacto das políticas públicas que se están a levar a cabo, dándolle a visibilidade, a transparencia e a importancia que ten a xestión forestal na nosa comunidade”.

Esta previsto que o acto se complete cunha visita á unidade de xestión forestal de coníferas e frondosas da CMVMC de Meixide, acollida á certificación forestal sostible do grupo AMETLAM, e onde se están a desenvolver traballos silvícolas ao abeiro dos máis de 635.000 euros distribuídos este ano pola Consellería do Medio Rural no concello da Veiga para este fin.

Artigos relacionados

Back to top button