PolíticaÚltima hora

David Bruzos: “A provincia de Ourense é a eterna esquecida e temos numerosas propostas para ela”

O cabeza de lista ourensán de Galicia en Común destalla nesta entrevista as principais liñas programáticas desta coalición de cara ás eleccións galegas

David Bruzos lidera a candidatura de Galicia en Común por Ourense.

 

Con “moita ilusión” afronta as súas primeiras eleccións galegas David Bruzos. O cabeza de lista por Ourense de Galicia en Común considera que esta formación ten “moito que mostrar. O traballo que levamos facendo aválanos”. Lidera unha lista formada por un grupo de persoas “moi diversas, tanto en procedencia xeografía como en idade, formación e experiencia vital”.

“Somos unha coalición formada por Podemos, por Esquerda Unida e por Anova, e ademais por varias candidaturas municipalistas, e iso danos un perfil moi diverso. Dentro da lista a xente perfectamente pode identificar a grandes referentes do noso espazo político como o noso candidato á Xunta de Galicia, Antón Gómez Reino, pero tamén a vicepresidenta da mesa do Parlamento, Eva Solla; a ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e, por suposto, Xosé Manuel Beiras”, destaca Bruzos.

O candidato ourensán lembra que esta formación está gobernando no Estado e “podemos dicir que somos xente solvente, sabemos priorizar, sabemos cales son os problemas da xente e as medidas que son urxentes”.

– ¿Como está vivindo estas eleccións galegas?

Son unhas eleccións un pouco especiais, tanto pola situación de pandemia que estamos vivindo, como polo feito de que pensamos que estamos en disposición de acabar coa era Feijóo. E iso para nós é tremendamente relevante, sobre todo porque é beneficioso para todo o país e, en concreto, para a nosa provincia.

¿A provincia de Ourense poder ser clave á hora de determinar un cambio político na Xunta?

En Ourense dase a situación de que o PP logra sempre maioría absoluta no que respecta ao reparto de escanos de toda a nosa provincia e sucede que, aplicando a Lei D’Ont, estamos xogándonos precisamente os escanos que saca Galicia en Común respecto do PP. Así que é absolutamente fundamental tentar, na medida do posible, sacar a maior representación posible porque iso significa que lle estamos restando poder ao PP. Sabemos ademais que, debido a como están distribuídas as circunscricións, iso beneficia sempre a un partido como o Partido Popular.

Ante isto nós trasladamos a mensaxe de cal é o noso proxecto político para o país e, sobre todo para a nosa provincia, porque é a eterna esquecida, e temos numerosas propostas para ela. E partir de aí consideramos que é importante que a xente as coñeza para que, se lles parece adecuado, nos dea o seu apoio.

 

 

¿Cales son esas propostas?

En Galicia Común facemos primeiro unha especie de foto fixa de como está a nosa provincia, tomando datos oficiais tanto do Instituto Galego de Estatística (IGE) como do Instituto Nacional de Estatística (INE) e vemos uns indicadores económicos, de emprego, de nivel de envellecemento da poboación e tamén da xente que marchou desta provincia nos últimos 30 anos, que son datos dramáticos. En función diso, propoñemos como varias liñas de acción para revertir esa situación.

Non imos dicir que sexa sinxelo, por suposto, porque levamos moitos anos de sangría, pero pensamos que unha cuestión fundamental é o emprego. Para iso plantexamos unha gama ampla de medidas que deberían atallar esta situación, e que inclúen a recuperación da situación de recortes, xa que que o PP recortou todos os servizos públicos: sanidade, educación e servizos sociais. Son servizos para a poboación, pero tamén son empregos.

Contamos cunha segunda liña de emprego, relativa á nosa actividade económica. Temos un sector primario e un sector servizos importante e, a nivel industrial, aínda hai camiño para meter unha pequena industria transformadora no ámbito agrogandeiro ou para andar nun sector industrial relacionado coas nosas masas forestais, que son enormes e están completamente abandonadas; e tamén a nivel enerxético. E non queremos esquecer á industria extractiva, con moita relevancia en Valdeorras, e por suposto as denominacións de orixe do viño. Relacionado con iso, hai algo fundamental para que a xente siga vivindo na nosa provincia: que teña escolas, uns servizos públicos de sanidade adecuados que non obriguen á xente a desprazarse a Ourense, uns servizos completos de xustiza…

E, por último, en materia de infraestruturas está por unha banda o que serían as novas comunicacións, como é o caso da banda ancha en todas as comarcas. Tamén, as infraestruturas de transporte e sabemos aí do que falamos, xa que a comarca leste da provincia de Ourense, que é a de Valdeorras, necesita urxentemente unha mellora. Nós dicímolo claramente: esa mellora das infraestruturas é fundamental.

– Mencionaba ao viño, con catro denominacións de orixe na provincia, ¿que medidas defende para este sector?

Detectamos un descenso de produción na provincia, que ten que ver con varios factores. Poño primeiro o mapa para logo ver posibles solucións. Ter un descenso de produción significa que, por unha banda, hai menos extensión de viñedo e tamén, nalgúns casos, cústanos facer relevo xeracional. A isto hai que engadirlle dificultades de distribución. E unha ultima cuestión, que para nós é a máis relevante, é que temos modelos moi diferentes dentro do sector do viño: dende grandes empresas ata o máis pequeno, que serían os colleiteiros e pequenas adegas. E todos eles deberían estar atendidos.

A través dos datos que nos proporciona o Sindicato Labrego Galego sabemos que unha porcentaxe moi elevada das axudas que se leva o sector vitivinícola vai só, exclusivamente, para as grandes producións. Iso non é axudar ao noso sector vitivinícola, entón nós cremos que debe haber criterios para que a xente que vive na súa terra e con proxectos de actividade económica para promover o sector teñen sexa premiada por iso. É un compromiso que levamos dentro do noso programa.

 

 

– A situación sanitaria que vive neste momentos Galicia, ¿pode influír en que o vindeiro 12 de xullo vaia menos xente a votar?

O PP xestionou esta pandemia en Galicia e é certo que iso é algo moi complicado porque ninguén esperaba o que ía suceder, aí podemos recoñecer que se cometeron erros, que debería recoñecelo tamén o PP, pero nós incluso aceptamos que eses erros se cometeran. Pero o que nos parece tremendamente grave é que non se aprendera absolutamente nada desa xestión en tres meses e que non haxa agora mesmo un plan, nin un protocolo para que, cando hai un rebrote, como está sucendo agora, poidamos perfectamente saber que é o que vai facer.

Entón a ausencia de protocolo fainos dubidar e nós, ¿que queremos que suceda? Nós queremos que as eleccións se celebren, pero por suposto o prioritario é que haxa seguridade absoluta para todas as persoas que queiran participar nun proceso electoral. ¿Podemos saber o que vai a suceder? Non, non podemos sabelo porque Alberto Núñez Feijóo non deseñou ese protocolo. Ogallá contara con nós e nos reunise para poder elaborar ese protocolo de forma conxunta, pero iso non sucedeu e entón agora o que estamos esperando é a que a persoa que decidiu que estas eleccións foran o 12 de xullo, de forma completamente unilateral, indique que é o que vai suceder. Nós non podemos máis que tentar pedir unha nova reunión e ofrecer a nosa colaboración, pero agardando a que el teña un plan, e vemos que non o ten.

 

Texto: A.R.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button