PolíticaÚltima hora

David Bruzos, candidato de Galicia en Común, reivindica no Barco o peso económico de Valdeorras na provincia

Visitaba a comarca neste mércores acompañado por outros membros da lista

 

Ata O Barco desprazábase na tarde deste martes 8 de xullo David Bruzos, cabeza de lista por Ourense de Galicia en Común, acompañado por outros membros da candidatura como Victoria Álvarez. Xunto ao Hospital Público de Valdeorras, Bruzos destacaba que “Valdeorras é potencia no que respecta á aportación do PIB desta provincia, así que o peso que ten sobre a economía é absolutamente fundamental”, ademais referíase á importancia doutros sectores como o viño, coa Denominación de Orixe Valdeorras, e á “riqueza natural, paisaxística e humana” da comarca.

Pese a iso, continuaba Bruzos, en Valdeorras “temos unha situación tremendamente dramática por 11 anos de recortes do PP, tanto a nivel sanitario, que sabemos o que sucedeu coas áreas sanitarias, como a nivel educativo. Nese senso nós temos unhas propostas amplas para a comarca das que falamos durante toda a campaña, pero tamén no que respecta a infraestruturas, a servizos públicos, tamén a activación da economía”.

O cabeza de lista por Ourense de Galicia en Común tamén destacaba que en canto a resultados no vindeiro 12X “para nós está todo completamente aberto. Fiámonos pouco de enquisas e que estea aberto significa que temos posibilidades reais de acabar coas políticas do PP e de Alberto Núñez Feijóo, non só porque o pensemos, porque pode parecer que é algo que pode ser unha ilusión, senón porque se ve mesmo na implicación que está tendo Alberto Núñez Feijóo nesta provincia, sabe que nos estamos xogando deputados/as co PP. Parécenos que ten medo evidente por perder as eleccións e nós imos seguir traballando como fixemos ata o de agora”.

 

 

Nesta visita os representantes de Galicia en Común tamén mantiñan encontros coa militancia da comarca. “É certo que temos unha militancia moi ampla e que está no día a día, tanto das políticas educativas como do que están dando a batalla diariamente. Reunímonos con eles para que nos fosen contando como ía a campaña e as perspectivas que teñen na zona”, comentaba Victoria Álvarez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button