EntrevistasÚltima hora

David García: “Busco o equilibrio entre o sabor e o visualmente atractivo”

O barquense, de 28 anos, abriu recentemente o bar e futura gastrocafetería "Alpha Raíces", na rúa Doutor Pérez Lista do Barco

 

David García Álvarez, de 28 anos e natural do Barco, abriu recentemente o bar “Alpha Raíces” no número 7 da rúa Doutor Pérez Lista. A idea deste hostaleiro, con raíces en Santigoso e Éntoma, é atopar rapidamente un cociñeiro para poder poñer en funcionamento o concepto orixinal do seu negocio: unha gastrocafetería que aposte polos produtos da terra pero cunha presentación moi coidada.

David García comeza a súa traxectoria no mundo da hostalería facendo un curso de Cruz Vermella no Barco. “Era unha pequena formación, pero resultoume moi interesante”. No marco destes estudos, realiza prácticas no Pazo do Castro. “Gustábame ese trato co cliente, era algo creativo e tiñas moita marxe de movemento”, indica García. Tendo xa máis claro o seu camiño, matricúlase no Centro Superior de Hostelería de Santiago de Compostela en Dirección de Hoteis, con 24 anos.

Realiza prácticas en Texas (Estados Unidos), nunha brasería da cadena de hoteis “Marriott”. “Era outro tipo de servizo, facía traballos de food runner e server assistant; ás veces tamén collía algunha comanda. Era un resort de miles de habitacións, unha discoteca, un parque acuático… e ás posicións estaban moi limitadas”, comenta. David García afirma que esta experiencia axudoulle a seguir unha organización estrita e unha xestión pautada e estandarizada. Posteriormente, fai prácticas no Hotel Finisterre da Coruña. “Estes dous traballos servíronme para ver os defectos e virtudes que teñen cada un dos países no sector da hostalería”. Prosegue en Madrid como xestor e asesor. “Alí aprendín a levar manuais de franquicia para as empresas, facer estudos de mercado e proxeccións económicas”, indica. O cuarto ano entra no Hotel Porta do Camiño de Santiago no que realiza tareas de xestión de eventos, presupostos e subdirección. Cando acaba este contrato decide probar sorte en A Coruña, onde, en febreiro de 2019, comeza nunha gastrocafetería. “Tiña un bo soldo, un día de descanso e un horario moi correcto”, afirma García.

En marzo de 2020 o Goberno de España declara o estado de alarma pola situación de crise sanitaria provocada polo coronavirus. David García entra en ERTE e, nunha fin de semana na que decide voltar ao Barco ve o anuncio no número 7 da rúa Doutor Pérez Lista. “Cando entrei a traballar na gastrocafetería da Coruña gustoume ese modelo e, dende o primeiro momento souben que era algo que podía traer aquí, ao Barco. Eu sempre quixen montar un negocio, vin esta oportunidade e sentíame preparado para dar este novo paso”, sinala.

 

Rótulo do local.

 

– Cal é o concepto que buscabas para “Alpha Raíces”?

Aínda non teño cociñeiro polo que, de momento, o servizo é de bar. Tamén dou almorzos pero o proxecto inicial é facer unha gastrocafetería onde tamén se oferte xantar e cea. Esa é a idea orixinal, que poderá variar en función de como vaian as cousas. Pero eu penso que hai público para todo.

– Que é exactamente unha gastrocafetería?

Unha gastrocafetería ou un gastrobar son negocios que están moi influenciado polas redes sociais. No momento que empeza a valorarse tanto a foto e a imaxe, todos os sectores cambian. Antes os clientes adaptábanse ao produto que ofrecían as empresas e agora ocorre algo completamente oposto. O gastrobar busca o mesmo de sempre pero tratado dunha forma diferente, non só se trata de encher o estómago senón de facer pratos que gusten á vista. Eu creo que se come tamén polos ollos e pode cambiar moito o sabor dun prato se o serves ben presentado. Busco o equilibrio entre o sabor e o visualmente atractivo.

– Abrir un negocio en plena crise sanitaria pode parecer arriscado…

Onde moitos ven un problema, outros ven oportunidades. En tempos de bonanza non se consegue nada impresionante e eu vin aquí un bo momento para empezar un negocio en boas condicións. Ademais penso que unha vila como O Barco non depende tanto do turismo e o cliente é máis recluso. Interésame traballar con esas persoas que van estar aquí case todo o ano, ofrecerlles un bo trato día a día e que non sintan que por ser os de sempre vou a acomodarme.

 

David García, novo emprendedor barquense e propietario da gastrocafetería “Alpha Raíces”.

 

– Que potencial ten O Barco para crear un negocio como este?

Nunha vila como O Barco non se vai descubrir nada. Os sitios para facer vangarda ou cociña creativa son as grandes cidades, onde é máis sinxelo experimentar. Aquí o que se pode facer é estudar nichos de mercado, ver o que fan urbes máis pequenas como Santiago ou A Coruña, escoitar o que quere o cliente e adaptar as ideas de fora a un lugar máis pequeno. Segue a primar a tapería, a cantidade; pero a xente quere comer ben. Non hai que avanzar cara algo extravagante, senón buscar o innovador no común.

– Poden axudar este tipo de negocios a contribuir á economía na zona?

Eu non sei ata cando durará a pizarra pero penso que temos que buscar tamén outras formas de economía. O sector do viño, por exemplo, estase modernizando moito sen embargo parece que hai ámbitos nos que todo parece máis estancado. Buscar o cambio permite que a vila avance. No Barco hai moito para explotar no tocante ao turismo e neste sentido axudou moito que oficializaran o Camiño de Inverno. Esta é unha oportunidade de ouro para facer cousas novas, promocionar a ruta, tal vez buscar outro concepto para algunhas festas, aumentar o aforo da Festa do Botelo… Ademais, grazas ao clima chuvioso que caracteriza a Galicia, o turismo non se vai masificar tanto como noutras zonas de España. O turista que nos visite será máis correcto, máis adulto…

– Cal é o significado do nome “Alpha Raíces”?

A xente pode atopalo un pouco chocante pero eu penso que se creas un negocio, o nome ten que ter sentido e significar algo para ti. “Alpha” provén dunha película do mesmo nome que narra a historia dun neno que perde a súa tribu e, mentres os busca, domestica a unha loba que se chama Alpha. O nome significa un pouco eso, as orixes e a transición á madurez. “Raíces” é o mesmo. Con estas palabras quero transmitir que co meu proxecto busco facer algo moderno, pero sen deixar de lado as raíces.

– O local está moi cambiado. Buscabas unha idea concreta para a nova decoración?

Tiña moi claro como quería deixar o local. Quería manter a estrutura orixinal de pedra e madeira pero darlle un aspecto novo. De todas formas aínda que o concepto estaba alí, eu non teño unha boa visión espacial. Para a decoración contei coa axuda de Sarai Chapela, arquitecta e interiorista de Vigo. Tamén contactei cunha persoa de aquí para o deseño do logotipo e do rótulo; os meus pais botáronme unha man… Hai moita xente á que quero agradecer o apoio e ao final, creo que quedou moi bonito. Tamén quixen apostar no comedor polo mobiliario modular, que permite modificar o espazo e adaptalo a grandes eventos, pechar zonas e dividir a sala. A idea é que o local tamén sirva nun futuro para acoller banquetes ou ofrecer caterings.

 

Imaxe do comedor, co mobiliario modular.

 

– Tes algunha idea dos produtos e a carta que ofrecerás cando poidas abrir a cociña?

A miña idea é unha carta pequena, centrada en ofrecer produtos de calidade e da terra. Ao mellor dar un raxo, un postre con castaña, integrar as setas en tempada, pero feito dunha forma diferente. Haberá unha oferta fixa de dez pratos e con suxerencias estacionais que variarán cada semana, cada dúas semanas ou cada mes, depende de como evolucione. Quero ofrecer pratos para xente máis nova, que igual se anima a probar cousas diferentes e tamén opcións máis tradicionais. Tamén terei en conta á xente celíaca e aos vexetarianos. Un produto que comecei a traballar e que está funcionando moi ben para esta primeira apertura como cafetería son os tés xeados. Sírvense ben presentados, en copa de balón e con azucre no borde. En semana e media vendín arredor de 120.

“Alpha Raíces” está aberto de luns a venres de 10:00h a 14:00h e de 17:00h ata o peche, entre as 00:00h e as 01:00h. En sábados e domingos o horario de apertura pola mañá adiántase unha hora, ata as 09:00h. Os martes está pechado. David García afirma que cando poidan abrir a cociña o horario sufrirá modificacións: “pode que estendamos o horario de mañá ata as 16:00h ou incluso que fagamos horario corrido, pero todo está por ver”.

Texto: Víctor Santos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button
Close