CD TrivesFútbolÚltima hora

David Pérez: “Participar no torneo de Bragança foi unha experiencia incrible e estou moi orgulloso dos pequenos do CD Trives”

A Escola Deportiva do club trivés participaba nunha xuntanza na localidade portuguesa, con nenos de varios equipos da primeira división lusa

Publicidade

 

Dende que a comezos da tempada 2021/2022, despois de dous anos duros de pandemia, o CD Trives decidía crear unha Escola Deportiva, os pequenos da vila non deixaron de demostrar que a iniciativa foi todo un acerto.

A última proba dábana esta fin de semana na que os pequenos da escola, acompañados polas súas familias e membros do club, participaban no 20º Torneio Internacional de Futebol de Formação ‘Crescer Jogando 2022’, en Portugal, unha xuntanza que reunía a máis de mil cativos dos mellores conxuntos lusos (Oporto, Benfica, Sporting Lisboa,…) ademais dos triveses, co principal obxectivo de “fomentar unha serie de valores, como a unión e o compañeirismo, para que os pequenos aprendan que non só se trata de gañar ou perder”, adiantaba o adestrador do CD Trives e responsable da escola, David Pérez.

Unha vez rematada a xuntanza, el mesmo asegura que están encantados. “Foi unha experiencia única e incrible e só con ver a cara de felicidade dos nenos e como moitos choraban de alegría e emoción ao entregarlle as medallas a todos, é o que fai que este deporte mereza a pena”, di David orgulloso dos seus nenos. “Tanto pais, como adestradores, como xogadores e mesmo a organización, quedamos encantados de ver como estes nenos a primeira vez que saen da escola xogaron da forma na que o fixeron e o ben educados que están tanto deportiva como persoalmente”.

 

 

Orgulloso do comportamento dos pequenos dentro e fóra do campo, David recoñece que é moi satisfactorio ver que despois dun ano con eles, antes do cal apenas xogaran ao fútbol, “veñen aquí e desfrutan sen medo, xogan cun Benfica de primeira división e da forma en que o fixeron, co cal o resultado é o de menos”. Así e todo explica que os máis pequenos xogaron cinco partidos dos cales perderon dous, gañaron dous e empataron un; e o maiores xogaron catro partidos gañaron dous e perderon outros dous.

Trala recollida de medallas unha xornada de convivencia espectacular, a base do CD Trives remataba a súa primeira experiencia en terras lusas sendo xa convidada para o ano que vén “e Dios mediante volveremos estar aquí”, sentencia.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button