PolíticaÚltima hora

David Rodríguez (En Marea) pide axudas e medidas preventivas fronte aos ataques do lobo

Este deputado vén de presentar no Parlamento galego unha proposición non de lei sobre este tema na que se solicitan, entre outras cuestións, unha nova liña de axudas e unha reunión co sector agrogandeiro
O deputado de En Marea Davide Rodríguez de Manzaneda, no Parlamento galego.

 

Os ataques case continuos do lobo preocupan e moito aos gandeiros. Do 2015 ao 2017 duplicábase o número de animais mortos polo lobo en Galicia e “este aumento non se ten traducido en medidas por parte da Xunta de Galicia”. Así o aseguran os deputados de En Marea no Parlamento galego Davide Rodríguez e Antón Sánchez na proposición non de lei que veñen de presentar para o seu debate en pleno na cámara.Nese documento sinalan que “neste contexto hai que volver ao Plan de Xestión do Lobo que é a ferramenta da que dispoñemos para traballar e o marco lexislativo no que nos movemos. De todas as medidas que alí se describen na actualidade estanse a realizar unicamente os pagos por danos tendo en conta o anuncio da propia Consellería de non convocar as axudas para a prevención de danos no 2018 e a falta de divulgación e investigación. A falta de planificación e compromiso da Consellería fai que os principais investimentos en prevención queden esquecidos.
O Plan de Xestión establece toda unha serie de medidas de acompañamento, asesoramento, divulgación e investigación tanto do lobo como especie como das medidas que se deben tomar para unha correcta convivencia”.

Os deputados tamén lembran que o 30 novembro do pasado ano “empezáronse a recibir as resolucións de axuda para a implantación de medidas preventivas fronte aos ataques de lobo e xabaril. Todas elas teñen un prazo de xustificación que remata o 11 de decembro. A resolución deixaba, no mellor dos casos, 10 días naturais para facer os trámites necesarios (sempre e cando se recibira a carta certificada onte e non o luns que vén). Na práctica, con dúas fins de semana e dous festivos nacionais polo medio, os gandeiros/as dispoñían de 6 días para poder mercar, pagar, identificar, certificar os investimentos e xustificar a axuda, como por exemplo, un cachorro de mastín”.

Para o grupo de En Marea, “esta mala planificación, así como o retraso no pago das indemnizacións por danos, está a causar unha gran desafección entre os/as gandeiros/as e cronifica un problema, o da convivencia coa fauna salvaxe, no que os primeiros damnificados son os habitantes do rural, así como a propia fauna”.

E por iso que na súa proposición non de lei piden que o Parlamento galego inste á Xunta a “sacar unha nova liña de subvencións onde se recollan os seguintes puntos: a. Publicar as axudas a comezo de ano e permitir a solicitude das mesmas durante varios meses para non condicionar a realización dos investimentos por parte do peticionario (en especial para a adquisición de cans mastíns). b. Engadir outros investimentos que agora non están contemplados e que son imprescindibles para a protección do gando como son os peches fixos con malla ovelleira e arames electrificados, así como a inclusión dos custes de mantemento dos mastíns. c. Excluír dos investimentos asignados a cans de garda e protección, as razas de pastoreo ou “careo” como son o Carea Leonés ou o Can de Palleiro. Consideramos que estas son razas de pastoreo que serven para guiar o gando e non para protexelo”.

Tamén piden unha reunión “co sector agrogandeiro e cos grupos e entidades que promulgan a convivencia entre a actividade humana no rural e a fauna salvaxe para tratar de adaptar o marco lexislativo actual en materia de convivencia coa fauna salvaxe á situación real do territorio, en especial sobre a problemática do lobo”, así como “aumentar o investimento neste 2018 da axuda para a prevención de danos ou para a divulgación, asesoramento e/ou investigación” e solicitar “á Consellería de Medio Ambiente que garanta a participación de distintas organizacións que están a defender dende un punto de vista conciliador a supervivencia dun sector cada día máis debilitado na anunciada orde de prevención do 2019 para poder aportar o seu coñecemento nesta materia”.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close