Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez, de En Marea, avoga pola posta en valor dos recursos do rural

Participaba nunha charla/debate celebrada na praza da Veiga na tarde do 12 de setembro

A primeira medida a tomar para cambiar a situación na que se atopa o rural ourensán é “blindar os servizos públicos”. Así o sinalaba o número dous da lista de En Marea pola provincia de Ourense, Davide Rodríguez, na charla/debate na que participaba na tarde do 12 de setembro na praza da Veiga. Nela referíase á súa experiencia como alcalde de Manzaneda, un municipio de alta montaña como A Veiga. “Nos últimos anos logramos manter a poboación e incrementar o número de alumnos no colexio pero a costa de facer inversión municipal en manter os servizos públicos”.

Asemade, Davide Rodríguez, apuntaba a necesidade de pór en valor os recursos das áreas rurais de montaña. “Nestas zonas hai que diferenciar entre zona agrícola e gandeira. En Manzaneda apostamos por outro tipo de cultivos que a xente cultivou dende sempre sempre nesta zona como son os castiñeiros e o carballo”. Tamén se refería á importancia da incorporación á actividade gandeira, aos fondos europeos, ao valor engadido que xera coas actividades de transformación e ás axudas, e das actuacións de extinción de incendios forestais. “Apostamos por un servizo único de prevención e extinción de incendios”, sinalaba. Despois abríase un turno de intervencións entre os asistentes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button