PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez defende no Parlamento galego medidas para impulsar as oliveiras autóctonas

Este deputado de En Marea vén de rexistrar, xunto ao seu compañeiro de grupo parlamentario Antón Sánchez, cunha proposición non lei sobre esta cuestión para o seu debate na Comisión 7ª da Cámara galega
O deputado Davide Rodríguez (En Marea), intervindo nunha comisión no Parlamento galego.

O grupo parlamentario de En Marea vén de presentar, a través dos seus deputados Davide Rodríguez e Antón Sánchez, unha proposición non de lei para o seu debate na Comisión 7ª da Cámara galega sobre as medidas que a Xunta de Galicia “debe adoptar con respecto á oliveira galega”. Nesta proposición lembran que este é un cultivo existente no territorio galego dende tempos inmemoriais. Ademais falan da súa realidade actual e de que existe unha entiddade adicada a produción e transformación de aceite, a Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galiza (APAG) que conta na actualidade con máis de 100 persoas asociadas que, entre elas, suman unhas 113 hectáreas e 130.000 oliveiras cultivadas no territorio galego.

Ademais mencionan “unha recente investigación, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), na que se catalogou xa máis dunha ducia de variedades de oliveiras autóctonas. “Aínda que nas plantacións recentes de oliveiras en Galicia as variedades foráneas como a Arbequina ou a Picual, propias de Cataluña e Xaén respectivamente, son as predominantes, este estudo abre a porta a optar por variedades autóctonas na produción de aceite na comunidade. Ademais, os primeiros resultados do traballo revelan unha baixa incidencia de afeccións sanitarias nas oliveiras galegas e gran calidade e orixinalidade do aceite destas variedades. A existencia destas oliveiras e o seu cultivo en Galicia esténdese principalmente polo sur da provincia de Lugo e distintos puntos das provincias de Ourense e Pontevedra”, indican os parlamentarios.

Na exposición de motivos da súa iniciativa tamén sinalan que, “polo momento, a investigación permitiu xa a catalogación de 13 variedades diferenciadas e autóctonas de Galicia. Unha conclusión que leva parello un traballo tanto de documentación como de análise de campo no que o grupo percorreu o territorio galego nunha fase de mostraxe dos exemplares centenarios. O estudo pormenorizado dos exemplares de oliveiras en Galicia tamén permitiu constatar que apenas están afectados por patoloxías sanitarias que se están estendendo a gran velocidade noutras zonas da Península Ibérica. A investigación tamén incluíu a elaboración, a pequena escala, do aceite destas variedades e os primeiros resultados arroxan que se trata de aceites de gran calidade ademais de orixinais”.

Os deputados recoñecen que “a Dirección Xeral de Gandería e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia presentou unha solicitude de recoñecemento oficial das descricións de Brava galega e Mansa galega aos responsables do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, máis dende En Marea parécenos pouco o que se está a facer pola oliveira galega”.

E por iso que na súa proposición piden que o Parlamento galego inste á Xunta a “destinar unha partida orzamentaria suficientemente ampla para blindar a conservación das especies localizadas para facer labores para conseguir o enraizamiento de gallos destes exemplares para asegurar a conservación das variedades descritas”, así como a “garantir que as plantas indentificadas cheguen aos viveiros dunha forma legal e ordenada, posto que xa están a constatar unha importante demanda tanto por parte dos viveiros como de produtores interesados en contar con variedades autóctonas”.

Artigos relacionados

Back to top button