Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez defende un plan especial para os gandeiros da “zona cero da sequía”

Xunto coa tamén deputada de En Marea Paula Quinteiro, veñen de presentar na Cámara galega unha proposición non de lei sobre este tema para o seu debate na Comisión de Agricultura
O deputado de En Marea Davide Rodríguez, co voceiro deste grupo parlamentario, Luis Villares./ Foto: Carlos G. Hervella.

O grupo parlamentario de En Marea, a iniciativa dos seus deputados Davide Rodríguez de Manzaneda e Paula Quinteiro, e a través do seu voceiro, Luis Villares, vén de rexistrar o 9 de febreiro no Parlamento galego unha proposición non de lei sobre axudas a gandeiros/as pola seca para o seu debate na Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes.

“A Consellería de Medio rural asegurou aos gandeiros e gandeiras que se atopan na zona cero da seca (Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Mezquita, A Gudiña, O Bolo e A Veiga), que non era posible ofrecerlles axudas directas para a compra de forraxe, pero que se deseñaría un plan especial xunto cos concellos implicados co obxecto de cubrir esa demanda. A Consellería asegurou, así mesmo, que a Xunta poría diñeiro para axudar aos afectados e afectadas. O plan especial ía ser un proxecto conxunto elaborado entre os concellos afectados. A día de hoxe, nada se sabe del”, explican os deputados de En Marea no texto da proposición non de lei.

“Tampouco se sabe nada”, engaden, “das reunións que a Xunta ía ter cos gandeiros e gandeiras para coñecer cales son as súas necesidades, porque nunca se produciron. Si se coñecen, en cambio, as liñas de créditos que a Consellería de Medio Rural anunciou no Diario Oficial de Galicia o 5 de febreiro dirixidas aos gandeiros e gandeiras. O seu obxectivo é facilitar o financiamento bonificado ás explotacións agrarias de Galicia afectadas pola seca do ano pasado, de xeito que lles permita aprazar ou distribuír os pagamentos co obxectivo de reforzar a estrutura financeira das explotacións”.

Para os parlamentarios de En Marea estas medidas non axudan aos gandeiros “a superar a delicada situación que atravesan, senón que os animan a asumir novos riscos. Na situación actual, isto é unha absoluta irresponsabilidade”, aseguran.

Ante isto, Davide Rodríguez e Paula Quinteiro plantexerán na Comisión 7ª que o Parlamento galego inste á Xunta de Galicia a “favorecer o deseño e aplicación do plan especial prometido, atendendo ás demandas do sector gandeiro”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close