Davide Rodríguez, deputado de En Marea, pide no Parlamento galego un plan integral de atención sanitaria específico para o rural

Acaba de rexistrar na Cámara unha Proposición non de lei instando á Xunta a promover “unha atención sanitaria especializada e de proximidade, nomeadamente nas comarcas rurais galegas”

O deputado Davide Rodríguez, intervindo nunha comisión do Parlamento galego.

O deputado de En Marea Davide Rodríguez vén de rexistrar no Parlamento galego unha Proposición non de lei instando á Xunta de Galicia a promover “unha atención sanitaria especializada e de proximidade, nomeadamente no rural”. Esta iniciativa, que será debatida na Comisión 5ª, está tamén asinada polas deputadas deste mesmo grupo parlamentario Paula Vázquez, Eva Solla e Flora Miranda.

Dende En Marea fálase de “políticas de desmantelamento do rural do Partido Popular co estrangulamento continuo dos servizos públicos, situación que se agravou trala desaparición das áreas sanitarias coa reforma da Lei de Saúde e os efectos da xestión integrada, o que supón, como se pode comprobar a diario, falta de profesionais, listas de agarda, derivacións a outras áreas ou mesmo a hospitais privados, etc.”, asegura o parlamentario.

Resalta ademais que a “atención sanitaria no rural ten graves eivas como se pode constatar na provincia de Ourense, tanto nos centros de saúde como no mesmo Hospital Comarcal de O Barco de Valdeorras, onde non é a primeira vez que servizos esenciais como o de rehabilitación, fisioterapia ou cardioloxía quedan sen especialistas en determinadas datas”.

Davide Rodríguez indica que, “mentres o Sergas asegura que mantén o número de facultativos e de profesionais de garda”, estes días, “tal e como se fixo público, non se contou no Hospital co traumatólogo de garda, o que provocou que unha doente que sufriu unha semiamputación dun dedo tivera que agardar cinco horas ata recibir atención sanitaria en Ourense”.

Para o deputado ourensán “este desmantelamento vén causado, como xa denunciamos dende En Marea en numerosas ocasións, entre outros motivos, polos recortes de persoal levados a cabo polas políticas do Partido Popular, recortes que fan que menos profesionais deban atender a máis doentes, que teñan que atender diferentes concellos, restrinxindo o horario de atención en cada un deles, que os/as especialistas acudan aos centros de saúde e hospitais determinados días e horas, etc”.

Ante esta situación, o deputado de En Marea por Ourense acaba de presentar na Cámara galega unha iniciativa para instar á Xunta “a garantir a cobertura das gardas polos especialistas correspondentes, promovendo unha atención sanitaria especializada e de proximidade para os/as doentes e xustificar debidamente o destino do importe das gardas estipuladas e non cubertas por ausencia de especialista e tamén para que se elabore un Plan Integral de Atención Sanitaria específico para as comarcas rurais galegas, no que se teñan en conta as circunstancias do rural e da súa poboación, así como o criterio de todos os axentes implicados”.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies