PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez e Antón Sánchez piden que o novo Plan Forestal sexa debatido no Parlamento galego

Os dous parlamentarios de En Marea critican “a falta de consultas aos sectores implicados na xestión do monte” na elaboración deste documento
Os deputados de En Marea Davide Rodríguez e Antón Sánchez, durante a rolda de prensa.

Os deputados de En Marea, Davide Rodríguez e Antón Sánchez, veñen de reclamar unha vez máis que o novo Plan Forestal da Xunta “sexa debatido no Parlamento para que se poidan escoitar as voces da oposición e dos sectores forestais ignorados polo Partido Popular”. Facíano nunha rolda de prensa convocada na mañá do 9 de xullo. Neste sentido, desde En Marea, tamén se sinala que a comisión sobre os incendios non rematou pero o plan forestal xa está publicado no DOG.

Davide Rodríguez explicaba como desde hai meses “distintas asociacións do monte e do sector forestal de Galicia tentaron entrar en contacto coa Xunta para manter unha actitude de colaboración e xerar o maior valor posible para a sociedade galega, pero o PP evitou sistematicamente falar con eles”. Este parlamentario cre que “esta revisión do plan forestal non foi quen de aproveitar as oportunidades e responder de forma eficaz aos retos que presentaba o plan anterior”. Tamén sinala que “a Xunta non aproveitou ningunha das aportacións que se fixeron desde os colectivos forestais e do monte, as asociacións ecoloxistas ou os sindicatos agrarios, comunidades de montes, e acaba de publicar un plan forestal que é continuista e unilateral”, sendo a “única dirección deste plan as grandes empresas madeireiras e ENCE”, en palabras de Davide Rodríguez.

Pola falta de consultas aos sectores implicados na xestión do monte “este plan”, din os deputados de En Marea, “contén carencias importantes, entre elas a de pór en marcha un grupo de traballo consultivo que fixera un seguemento da redacción do plan”.

Considera Davide Rodríguez que un Plan forestal debe ser unha “ferramenta fundamental na xestión do monte, debe aportar equilibro territorial, ten que aportar biodiversidade, ten que fomentar a industria de primeira e segunda transformación que fixe poboación no rural dando recursos económicos ata que o plan sexa unha chave estratéxica do noso país”.

O deputado Antón Sánchez García apuntaba que repasando o grao de incumprimento do anterior plan forestal, que é do ano 1992, “xa chegaría para que se asumisen as responsabilidades políticas”. Aseguraba que o plan presentaba numerosas eivas e “era claro que o goberno galego non quería cambiar o modelo, segue apostando por incrementar a superficie de eucalipto e segue apostando polos cultivos de baixo valor”.

Artigos relacionados

Back to top button