PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) pide no Parlamento galego axudas directas polos danos das xeadas

O deputado ourensán defendía no pleno do 24 de maio a aprobación urxente de medidas para os afectados

Davide Rodríguez no Parlamento de Galicia./ Foto: Carlos G. Hervella.

O goberno galego “ten a obriga de compensar os danos das xeadas, que poderían ter estado cubertos de ter feito a Administración os deberes no tocante a seguros anos atrás, e non amosando a súa inoperancia e pasividade nesta materia”, aseguraba Davide Rodríguez de Manzaneda, deputado de En Marea no Parlamento galego, no pleno ordinario desta Cámara do 24 de maio. Nel o deputado ourensán defendía a aprobación urxente de medidas para paliar os danos sufridos polas xeadas dos pasados días 27 e 28 de abril, que arrasaron grande parte da produción vitivinícola de toda a provincia de Ourense, ademais de producir danos noutros sectores como o do castiñeiro e o do mel.

“As medidas propostas desde En Marea, acordadas e debatidas co sector, son medidas reais que se deben levar a cabo, como xa se aplicaron noutras zonas, sendo conscientes de que con vontade política se poden implementar”, engadía Davide Rodríguez, que calificou a actuación da conselleira de Medio Rural dun “tremendo exercicio de irresponsabilidade, prepotencia e deixadez de funcións”, aludindo á aseveración na que Ángeles Vázquez afirmaba que “o que é asegurable non é subvencionable”.

En Marea di que o sector do viño move aproximadamente, 88.000.000€ en Ourense e Lugo, “provincias que a día de hoxe ocupan a cola no conxunto da Galiza no que a indicadores socioeconómicos se refire”. E pide á Xunta que se inste ao Goberno Central a que “declare os territorios afectados pola xeada como Zona de Emerxencia, que se habiliten axudas directas para paliar os danos, condonen as cotas á Seguridade Social dos/as profesionais afectados/as, negocien as condicións dos seguros agrarios (adaptándoos á realidade galega), e poñan á disposición das persoas afectadas unha liña de créditos sen custes de tramitación e con xuro cero”.

Davide Rodríguez considera estas medidas “imprescindibles para a subsistencia e preservación da identidade, da paisaxe e da forma de vida de milleiros de persoas en Galiza. Se o Partido Popular continúa coas súas políticas de aniquilamento do noso rural, non haberá futuro no sector agrogandeiro, non se asentará poboación no rural e desaparecerán as pequenas poboacións ao ter que marchar e buscar alternativas para poder traballar e vivir”.

Artigos relacionados

Back to top button