PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) pide no Parlamento galego liberar aos concellos do financiamento do servizo dos GES

Xunto ás súas compañeiras de grupo parlamentario Paula Vázquez e Carmen Santos, vén de presentar unha proposición non de lei sobre este tema para o seu debate no pleno da Cámara

 

Davide Rodríguez, deputado de En Marea por Ourense, intervindo no Parlamento galego.

Apartar o servizo dos GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipais) da dependencia inmediata das alcaldías, encomendándoos ás Deputacións ou Consorcios Provinciais e garantir que o financiamento do seu servizo non teña participación municipal, repartíndose o mesmo entre Xunta e Deputacións. É o que piden os deputados de En Marea, Davide Rodríguez, Paula Vázquez e Carmen Santos na proposición non de lei que veñen de rexistrar no Parlamento de Galicia para o seu debate en pleno.

No texto da iniciativa os deputados apuntan que os “GES cobren zonas rurais e concellos de menos de 20.000 habitantes. Na actualidade, as 300 persoas que conforman os GES prestan servizo a 174 concellos, dos 313 concellos existentes”. Tamén lembran que no convenio vixente, “no relativo ás competencias correspondentes á Xunta de Galicia, establecese que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é o departamento encargado de xestionar as competencias que en materia de protección civil e emerxencias ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia, e máis especificamente, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior encadrada na súa estrutura. Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural é o departamento encargado de xestionar as competencias inherentes ás medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais”.

Ademais indican que ás “Deputacións Provinciais correspóndelles a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos concellos, para garantir a prestación integral e adecuada dos servizos públicos, no territorio da súa competencia, e en particular, participar na coordinación da administración local coa Comunidade Autónoma co fin de garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal. De acordo co previsto na Lei 5/2007, do 7 de maio, de Emerxencias de Galicia, os órganos de goberno provinciais exercerán as súas competencias garantindo a prestación do servizo de protección civil e xestión de emerxencias, incluídos os servizos contra incendios e de salvamento, naqueles municipios que non conten con servizos propios”.

Por outra banda, proseguen “os municipios deberán prestar á súa cidadanía os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade de veciños, entre os que se atopan a seguridade en lugares públicos e a protección civil e extinción de incendios, polo que teñen necesidade de contar con medios para poder facer fronte ás súas competencias, compartidas e concorrentes, en materia de protección civil e emerxencias”.

E inciden en que “nos diversos convenios asinados entre Xunta, Fegamp e Deputacións, entre as labores dos GES, ademais das típicas das emerxencias cotiás encárganselles labores de desbroce, tarefa totalmente incompatible coas emerxencias, xa que merma a calidade de resposta ante tales incidencias, ao ser estes servizos de resposta inmediata, tal e como se recolle na lexislación (Lei PC 17/2015 e Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia), así como traballos que non se poden catalogar como parte das emerxencias, deixando unha parte do convenio ao criterio do alcalde/alcaldesa de cada concello, para que dispoñan desta maneira libremente dun servizo ao seu antollo, encomendándolles traballos de barrendeiros/as municipais, construción, persoal para montar postos nas festas populares, persoal de vías e obras, etc. malversando un servizo que debe estar adicado á atención das emerxencias”.

Segundo o convenio en vigor, engaden estes deputados “a Xunta -a través de Vicepresidencia e da Consellería de Medio Rural- financia o 60% do custe, os concellos un 20% e a deputación respectiva o 20% restante. Algúns concellos comprometéronse en facer dos GES uns grupos de emerxencias dedicados única e exclusivamente ás emerxencias, onde se fan quendas de 24h, teñen categoría e soldo acorde as súas funcións e cumpren cun servizo de calidade para a cidadanía, pero isto so se da nalgúns concellos, polo que dende En Marea entendemos cómpre afastar o servizo dos GES da dependencia inmediata das alcaldías, posto que os concellos non deberan asumir o papel de control que teñen actualmente e os GES deberan pertencer a un consorcio provincial público, financiado pola Xunta ao 50% e polas Deputacións ao 50%”.

Por todo isto, dende En Marea pide na súa proposición non de lei que o Parlamento galego inste á Xunta “a afastar o servizo dos GES da dependencia inmediata das alcaldías, encomendándoos ás Deputacións ou Consorcios Provinciais” e a garantir que o financiamento do servizo dos GES non teña participación municipal”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close