PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) pide no Parlamento o arranxo da OU-701 no Macizo Central ourensán

Este deputado autonómico vén de presentar, xunto con Antón Sánchez, unha PNL para pedirlle á Xunta a transferencia desta estrada “competencia da Deputación e a mellora do seu trazado á maior brevidade posible”
Davide Rodríguez, de Manzaneda, deputado por Ourense no Parlamento de Galicia./ Foto: Carlos G. Hervella.

Na mañá do 20 de decembro Davide Rodríguez, de Manzaneda, deputado de En Marea no Parlamento de Galicia pola provincia de Ourense, presentaba unha Proposición non de Lei (PNL), asinada tamén polo parlamentario Antón Sánchez, para pedir que se desbloqueen as obras de mellora que precisa a estrada OU-701, que vertebra os concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Manzaneda e a Pobra de Trives, no Macizo Central ourensán.

O grupo parlamentario de En Marea considera que “as estradas son un dos principais eixos de desenvolvemento das localidades e os terrirorios. O comercio, o turismo, a industria e a supervivencia das pequenas empresas dependen en boa parte da existencia de accesos rápidos e seguros”.

Por ese motivo din que esta PNL é “unha chamada á Deputación e nomeadamente á Xunta de Galiza, que teñen a obriga de saldar unha débeda histórica que permita unha adecuada articulación do territorio mediante a mellora da OU-701. É obriga das Administracións Públicas, neste caso da Xunta de Galiza, contribuír ao desenvolvemento socioeconómico do país e traballar para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños cunha estrada adecuada aos tempos actuais”.

A mellora desta vía non só permitiría que se facilitaran os desprazamentos intracomarcais e intramunicipais, senón que tamén suporía “un acceso para os usuarios desde a futura estación ferroviaria da Gudiña e desde a A-52. Lembrar tamén que é a principal vía de acceso de todo o norte de Portugal á Estación Invernal de Manzaneda”, tal e como explica Davide Rodríguez.

Dende En Marea califican esta obra de mellora de “prioritaria, polo que non pode acumular máis atrasos ou desculpas, ten que se executar sen máis dilacións”.

Artigos relacionados

Back to top button