PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) pide no Parlamento a transferencia da OU-701 á Xunta

Esta estrada “é fundamental” para o Xeodestino Manzaneda-Trevinca, dicía este deputado na Comisión de Infraestruturas o 17 de xaneiro
O deputado Davide Rodríguez, de En Marea, na comisión de Infraestruturas do Parlamento de Galicia.

Que se faga efectiva a transferencia da estrada OU-701 (Viana do Bolo-Vilariño de Conso-Manzaneda-Trives) á Xunta de Galicia, para que ésta execute a mellora do trazado coa maior celeridade. Era a petición que facía no Parlamento de Galicia o 17 de xaneiro Davide Rodríguez, deputado por Ourense de En Marea.

“A estrada OU-701 é fundamental para esta comarca, pois o 30% das entradas ao Xeodestino Manzaneda-Trevinca teñen lugar por ela e máis do 50% das chegadas á estación invernal e de esquí tamén”, destacaba Davide Rodríguez na comisión de Infraestruturas do Parlamento galego, “de aí que esta petición máis que unha chamada, é un berro de auxilio ás distintas administracións que deben saldar unha débeda histórica con esta zona”.

O percorrido da actual OU-701, obxecto de reivindicación, comeza no entronque coa OU-536, pasando durante os seus 33 quilómetros polos concellos de Pobra de Trives, Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. En Marea considera que é “obriga da Xunta de Galicia contribuír efectivamente no desenvolvemento socioeconómico dos territorios e traballar por unha mellor calidade de vida dos veciños e visitantes da zona cunha estrada adecuada aos tempos actuais”.

Por iso esta formación política entende que é “fundamental acometer canto antes a mellora desta estrada co fin de diminuír a sinistralidade na vía, aumentar a capacidade e nivel de servizo e brindarlle comodidade e seguridade ós usuarios da mesma”.

Artigos relacionados

Back to top button