PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) pregunta no Parlamento polas “medidas excepcionais” previstas pola Xunta para os danos das xeadas

Esta formación política solicitará que se establezan liñas de axuda específicas para paliar os danos producidos nos viñedos da provincia de Ourense

 

O deputado Davide Rodríguez, nunha intervención no Parlamento.

 

Durante a sesión da Comisión nº 7 de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes, o deputado de En Marea Davide Rodríguez, de Manzaneda, trasladaba a preocupación existente entre os produtores  e adegueiros que hoxe teñen unha proxección estimada de venda para este ano e coas consecuencias da xeada non poden non cumprir as expectativas de comercialización, polo que as perdas nos vindeiros anos (lucro cesante) tamén serían importantes.

Ademais instaba á Xunta a que explique cales son as “medidas excepcionais previstas para paliar os danos producidos pola grande xeada que tivo lugar na madrugada do xoves día 27 e 28 de abril e que levou grande parte da produción vinícola e afectou dunha forma considerable as DD.OO. Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei”.

O parlamentario de En Marea apuntaba que é “labor da Xunta de Galicia garantir aos produtores e produtoras, xunto cos adegueiros e adegueiras, unhas colleitas dignas en calidade e cantidade para seguir a traballar a terra dunha forma digna e con garantía de continuidade”. Tamén aseguraba que a Xunta de Galicia conta con partidas específicas para paliar os danos producidos por desastres naturais e catástrofes, polo que desde En Marea, se solicita que se establezan liñas de axuda específicas para paliar os danos producidos nos viñedos da provincia de Ourense.

Asemade indicaba que “lamentamos que se reduciran as axudas da Consellería de Medio Rural para a contratación de seguros agrarios, que viron mermar as súas cantidades de 8.000.000 € no ano 2008 a 4.500.000€ neste ano 2017”. Davide Rodríguez adiantaba ademais que En Marea “apoiará tódalas iniciativas que produtoras e adegueiras nos demanden e anuncian que participarán en tódalas manifestacións que se programen, comezando pola de este sábado día 13 no Concello de Ribadavia”.

Artigos relacionados

Back to top button