PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) promove unha iniciativa sobre axudas para explotacións prexudicadas por ataques de lobo ou xabaril

Este deputado vén de presentar unha proposición non de lei sobre esta cuestión para o seu debate no pleno do Parlamento galego
O deputado de En Marea, Davide Rodríguez de Manzaenda, intervindo no Parlamento galego.

O grupo de En Marea no Parlamento galego vén de presentar, a través dos seus deputados Davide Rodríguez Estévez e Antón Sánchez García, unha proposición non de lei para o seu debate en pleno sobre as axudas que deben percibir as persoas perxudicadas por ataques de lobo ou xabaril nas súas explotacións.

No texto desta iniciativa, os parlamentarios lembran que o “pasado 8 de xaneiro a Consellería de Medio Ambiente publicou as axudas para a prevención de danos do lobo e do xabaril. Despois dun ano de espera, xa que en 2018 non se convocaran, e logo de dous meses de anuncios nos medios de comunicación sobre a chegada desta axuda, atopámonos coa publicación no DOG”.

Tamén destacan a importancia destas axudas no sector gandeiro “para acadar un nivel de convivencia aceptable coa fauna salvaxe e fomentar medidas preventivas que permitan unha adecuada xestión da situación actual. Para acadar esta situación compre acordar co sector as medidas e realizar as xestións de goberno necesarias para garantir a participación das entidades representantes do sector na toma de decisións e na elaboración dos textos lexislativos”.

Pero indican que, “lamentablemente, logo de múltiples reunións dos axentes implicados e intentos de achegar á consellería as propostas do sector sobre a orientación das axudas, a orde de axudas publicada adoece de realidade e queda nun papel mollado que non suporá a aplicación práctica de medidas para evitar os ataques de lobo en Galicia. A axuda está mal planificada de orixe e con cambios, respecto das últimas publicadas en 2017, que van en contra das propostas presentadas e da realidade do rural”.

Neste senso, na proposición non de lei En Marea pide que o Parlamento de Galicia insta a Xunta de a “modificar urxentemente a axuda de prevención de danos do lobo e xabaril” e a “limitar as axudas unicamente a aquelas explotacións extensivas ou semiextensivas, así como ás ecolóxicas (non é comprensible que as grandes explotacións intensivas poidan recibir antes axudas, xa que teñen un censo maior, que as explotacións extensivas que pastorean co gando día e noite)”. Tamén piden modificacións no texto referente aos valados fixos e a “inclusión doutros baremos de puntuación para estes investimentos”, entre outras cuestións.

Artigos relacionados

Back to top button