PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) pedirá no Parlamento galego a retirada da madeira queimada dos montes

Vén de presentar, xunto a tamén parlamantaria deste grupo Paula Quinteiro, unha proposición non de lei na Cámara galega para solicitar que se axilicen os trámites para xestionar esa madeira queimada “antes de que se bote a perder”
O deputado de En Marea, Davide Rodríguez de Manzaneda, no Parlamento galego./ Foto: Carlos G. Hervella.

Durante a vaga de lumes do pasado ano en Galicia arderon “2,5 millóns de m3 de madeira, a meirande parte da cal continúa deteriorándose no monte. Só a décima parte foi cortada, a pesar de que as principais organizacións da cadea forestal galega ofrecéronse á Xunta a facerse cargo dela sen rebaixar os prezos. A súa proposta permitiría cortar un terzo menos o presente ano para recuperar as zonas que foron arrasadas polo lume”, explican os deputados galegos de En Marea Davide Rodríguez e Paula Quinteiro, que veñen de presentar unha proposición non de lei sobre esta cuestión para o seu dabete no pleno do Parlamento galego.

No texto da iniciativa parlamentaria indican que “a cambio da súa colaboración, a cadea forestal galega solicitou á Administración axilizar os permisos para cortar as árbores queimadas e frear a tala de madeira verde. Isto evitaría que na madeira queimada se instalase o fungo da mancha azul, botándoa a perder irremediablemente”.

Rodríguez e Quinteiro aseguran que ante esta proposta “a Xunta preferiu facer oídos xordos á axuda ofrecida e continuar ofrecendo permisos para cortar a madeira non afectada polo lume. En cambio, a madeira queimada non foi obxecto de poxa ata fai pouco. Dos 400.000 m3 de madeira queimada, puxouse por 250.000 e foron adxudicados 135.000, que non poderán cortarse ata dentro dun mes. Os outros 115.000 quedaron desertos. E aínda quedan 150.000 por licitarse”.

Tendo en conta isto, os deputados piden na proposición non de lei presentada que o Parlamento galego inste “á Xunta de Galicia a axilizar os permisos para xestionar a madeira queimada antes de que se bote a perder e así frear a tala de madeira verde e non facer máis dano ambiental nos nosos montes”.

Artigos relacionados

Back to top button