PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) pide no Parlamento galego axudas directas para o sector da castaña

Xunto a tamén deputada Paula Quinteiro, vén de rexistrar unha proposición non de lei sobre este tema e unha pregunta na Comisión Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes da Cámara galega
O deputado Davide Rodríguez, de En Marea, intervindo no Parlamento galego.

A recente campaña da castaña ten sido unha das peores en moitos anos para este sector, vital para as economías das zonas rurais de montaña das provincias de Ourense e Lugo. Unha campaña que os deputados de En Marea, Davide Rodríguez e Paula Quinteiro, cualifican de “nefasta” xa que “minguou preto dun 70%”. Esta redución, din, foi “froito da seca, xeadas, pedrazo e da vespiña do castiñeiro, algo que dende En Marea tiñamos máis que avisado dende fai meses en canto a Consellería do Medio Rural mirou para outro lado”.

Neste senso os deputados veñen de presentar dúas iniciativas no Parlamento de Galicia, unha das cales é unha proposición non de lei para o seu debate en pleno na que piden que a Cámara Galega inste á Xunta de Galicia a “facer un estudo real das perdas producidas este ano por mor das inclemencias meteorolóxicas e pola avespiña do castiñeiro” e a “manter unha xuntanza cás organizacións agrarias, así como con representantes da IXP Castaña de Galicia e con produtoras, empresas transformadoras e comercializadoras para evaluar os danos e fixar cantidades a indemnizar”.

Asemade Davide Rodríguez e Paula Quinteiro inciden na “situación de excepcionalidade na que se atopan os/as produtores/as, transformadores/as e comercializadores/as de castaña” e nese sentido piden “habilitar unha liña de axudas específicas para paliar as enormes perdas sufridas na última campaña”.

No texto da iniciativa lembran que a castaña “complementa as economías familiares, polo que non estamos a falar só de comercializadores e empresas transformadoras, polo que a Xunta de Galiza tiña que ter xa, unha liñas de axuda que chegara a tódolos niveis na escala da produción e venda”.

Ademais da proposición non de lei, ambos deputados de En Marea rexistraban o 9 de xaneiro na Mesa do Parlamento unha pregunta para a súa resposta oral na Comisión 7ª Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes, sobre este mesmo tempo. En concreto preguntan se a Xunta de Galicia ten previsto sacar algunha liña de axudas “para paliar as enormes perdas sufridas na última campaña”.

Artigos relacionados

Back to top button