PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) pide no Parlamento galego medidas para compensar as perdas da castaña

A través dunha proposición non de lei, solicitaba un estudo real da redución na colleita así como axudas directas para paliar as perdas económicas
Davide Rodríguez (En Marea), durante unha intervención no Parlamento galego.

A seca, as xeadas, o pedrazo e os efectos da avespiña do castiñeiro supuxeron unha forte redución na recente colleita da castaña en Galicia. Ante esta situación, os deputados autonómicos de En Marea, Davide Rodríguez de Manzaneda e Paula Quinteiro, presentaban na mañá do 7 de febreiro unha proposición non de lei no pleno do Parlamento galego instando á Xunta a tomar medidas para compensar as perdas desta campaña no sector.

“Tralo abandono manifesto dende os anos 80, na actualidade o da castaña é un sector emerxente na Galiza, principal Comunidade Autónoma en produción de castañas. Na campaña do 2016 superáronse os 20 millóns de quilos, o que se traduce nun valor estimado xerado que supera os 100 millóns de euros. Como contraste, trala campaña do ano pasado, a día de hoxe a produción de castañas non está garantida, ao minguar a campaña preto dun 70%”, indicaba Rodríguez.

En Marea asegura que se levaba advertindo sobre os negativos efectos da meteoroloxía no sector dende hai varios meses, así como do avance da avespiña do castiñeiro, “mentres que a Consellería de Medio Rural miraba para outro lado”. E consideran ademais que a “consellería tampouco tomou medidas efectivas para facer fronte ao chancro do castiñeiro. O tratamento que están levando a cabo é erróneo e contraproducente”.

Dende En Marea tamén se cuestionaron “dende o primeiro momento as liñas de axudas que a Xunta estaba a sacar para paliar os danos pola seca, sarabia ou xeadas, ao non axustarse á realidade que padecen produtoras, gandeiras, labregas, etc. O que precisan son axudas directas, non máis endebedamento”, indican dende esta formación política.

Na iniciativa presentada no Parlamento, Davide Rodríguez instaba á Xunta de Galicia a “facer un estudo real das perdas producidas por mor das inclemencias meteorolóxicas, chancro e avespiña do castiñeiro; manter unha xuntanza cos diferentes axentes implicados no sector para avaliar os danos e fixar cantidades a indemnizar e habilitar unha liña de axudas específicas e directas para paliar as enormes perdas sufridas”.

Dende esta formación política agardaban que “se lle puxera remedio pronto a esta situación”, sen embargo o PP votaba en contra da iniciativa.

Artigos relacionados

Back to top button