PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) pide no Parlamento a mellora da estrada de Trives a Freixido

O deputado ourensán vén de presentar unha proposición non de lei neste sentido que se debatirá en pleno na Cámara galega
O deputado Davide Rodríguez, intervindo no Parlamento galego.

Tendo en conta o estado e o trazado da estrada OU-636, que comunica A Pobra de Trives con Freixido e cuxa titularidade é autonómica, o deputado no Parlamento galego por En Marea, Davide Rodríguez, vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate no pleno desta cámara na que pide o arranxo desta infraestrutura viaria.

En concreto, no texto da proposición pídese que o Parlamento de Galicia “inste á Xunta a incluír a obra de mellora do trazado e o deseño da estrada nos seus plans de actuacións máis inmediatos, de forma que á maior brevidade posible se acometan obras en beneficio de todos os usuarios da estrada”. Ademais pídese que se asuma “o compromiso de que a devandita obra vai ser considerada prioritaria e, que polo tanto, vai quedar á marxe de calquera posible atraso”.

Ao mesmo tempo, Davide Rodríguez presentaba unha serie de preguntas para o seu debate na Comisión 2ª sobre esta mesma estrada. “As estradas representan o eixe central do desenvolvemento dos pobos e comunidades (son o único medio que está presente en tódolos lugares e poboacións) e ordean a totalidade do territorio, polo que é esencial velar pola seguridade viaria das mesmas. Ademais, ofrecen unha función social adicional básica no funcionamento do país, tanto no soporte colectivo (por autobús e demais servizos de transporte público) como individual. Nestas estradas, a Xunta ten a responsabilidade de previr accidentes de tráfico, velar pola seguridade e protexer a vida das persoas que por elas transitan”, sinala o deputado na exposición de motivos tanto da proposición non de lei como das preguntas.

Artigos relacionados

Back to top button