PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) plantexa no Parlamento galego a perda de superficie agraria e de explotacións

Xunto a tamén deputada autonómica Paula Quinteiro, vén de presentar unha proposición non de lei sobre esta problemática para o seu debate en pleno
O deputado Davide Rodríguez (En Marea), intervindo no pleno do Parlamento galego.

Partindo da enquisa sobre a Estrutura das Explotacións Agrícolas (EEA) do INE correspondente ao ano 2016, e que actualiza os datos do 2013, os deputados autonómicos de En Marea Davide Rodríguez e Paula Quinteiro, veñen de presentar na Mesa do Parlamento galego unha proposición non de lei para o seu debate no pleno da Cámara na que aseguran que os datos veñen a demostrar que “a superficie agraria en Galiza reduciuse e o número de explotacións idem”.

Así, segundo recollen dos deputados de En Marea no texto da iniciativa, a Superficie Agraria Utilizada (SAU) “descendeu dende o ano 2007 en 148.000 hc. Un 14%. O descenso corresponde sobre todo aos terreos dedicados a pastos, que diminuíron un 22% dende ese ano 2007. Redúcese tamén o número total de explotacións agrícolas, dende as 101.537 de 2003 e as 87.782 de 2007 ata as actuais 74.434. Isto tamén acarreou un descenso nos postos de traballo xerados polo agro galego. Dende as case 121 mil UTA (Unidades de Traballo Ano) de 2003 ás ao redor de 70 mil de 2016, unha redución do 42%”.

Tendo en conta isto, na súa proposición non de lei en Marea pide que o Parlamento de Galicia inste á Xunta a “facer unha análise seria desta terrible perda no que a SAU´s, UTA´s e explotacións se refire no noso país na última década e recollela nun documento”, ademais de que elabore “un estudo do impacto real das axudas concedidas nos últimos cinco anos ao sector agrogandeiro para detectar e valorar ata onde foron eficientes”. Tamén pide, entre outras cuestións, que se implementen “medidas eficaces para frear a perda de explotacións, SAU e UTA´s no noso agro”.

Artigos relacionados

Back to top button