PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez pecha a campaña de Somos Quen ao Consello das Mareas en Compostela

Neste acto a candidatura de Somos Quen estivo acompañada pola eurodeputada Lidia Senra
Participantes no peche de campaña da candidatura de Somos Quen en Compostela.

 

“Coa participación de Somos Quen no Consello das Mareas queremos contribuír á construción dun discurso nidio de ruptura e superación do réxime do 78 e para logralo entendemos que debemos vertebrar territorialmente a organización mediante asembleas de base”. Era unha das mensaxes que lanzaba o cabeza de lista de Somos Quen, Davide Rodríguez de Manzaneda, en Santiago de Compostela na tarde do 20 de xaneiro no peche da campaña electoral ao Consello das Mareas.

No acto, ao que asistían medio cento de persoas, contábase tamén coa presenza de Lidia Senra, eurodeputada de AGE. Durante a súa intervención, Davide Rodríguez explicaba que se tomou a decisión de formar unha candidatura para axudar a consolidar EnMarea. Unha consolidación que pasa “pola necesaria participación das bases e esa participación só sería posible facilitando a súa concorrencia no proceso. Se ben non foi posible nun contexto de lista única a opción foi mediante unha lista alternativa conformada por persoas das asembleas de base e das mareas medianas e pequenas que se uniron baixo a firme convicción de que afortalando EnMarea somos quen de propiciar o cambio no panorama político galego”.

Asemade, dende Somos Quen búscase fortalecer o liderato de Luís Villares. “Na medida na que a nosa presenza no Consello das Mareas nolo permita, contribuiremos a afianzar a súa referencialidade xa que pensamos que, neste momento de consolidación e crecemento, unha bicefalia sería perxudicial para o proxecto”, explican dende esta candidatura.

As votacións para elixir o Consello das Mareas terán lugar entre as 9h. de mañá sábado 21 de xaneiro e ás 9h. do luns 23 de xaneiro. O proceso electoral concluirá o 28 de xaneiro coa constitución do citado consello.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button