Davide Rodríguez pedirá no Parlamento galego que se engadan os pastos arbustivos e pastos sobre arboredo declarables nas axudas da PAC

Dende o grupo de En Marea vén de presentar unha proposición non de lei sobre esta cuestión para o seu debate na Comisión 7ª da Cámara galega

 

O deputado de En Marea no Parlamento galego, Davide Rodríguez, no decurso de unha intervención nesta Cámara.

 

Dos máis de 2 millóns de ovellas e cabras que había en Galicia a principios do século XX, hoxe “só quedan 229.000 cabezas de gando ovino e cabrún repartidas entre 21.709 explotacións gandeiras, das cales únicamente 76 ganderías teñen máis de 250 animais”. É un dos datos que se recollen na proposición non de lei que vén de presentar o deputado de En Marea, Davide Rodríguez Estévez, no Parlamento galego sobre os pastos arbustivos e pastos sobre arboredo non declarables hoxe nas axudas da PAC. Esta iniciativa, asinada tamén pola parlamentaria Paula Quinteiro, será debatida na Comisión 7ª da Cámara galega.

No texto da proposición destácase que cabras e ovellas “son os animais mellor dotados para consumir recursos herbáceos e arbustivos, tan abundantes e mal aproveitados en Galicia, e poden vivir case exclusivamente do pasto e do ramalleo dos arbustos” e que tiñan a “súa propia singularidade nas zonas de montaña, coas veceiras ou rabaños comunitarios, grandes rabaños nas zonas de serra que pastoreaban as zonas altas e inaccesibles”. E incídese nas súas vantaxes: “dende a súa perfecta adaptación ao medio, á súa resistencia ás enfermidades, lonxevidade, precocidade sexual, etc…”.

Rodríguez Estévez e Quinteiro indican ademais na iniciativa que no “2015 aplicouse unilateralmente unha quita nos pastos arbustivos e pastos sobre arboredo declarados na PAC que afectou ao 85% de todo territorio, de xeito que todos os recintos de menos de 3.000 metros cadrados foron reasignados cun coeficiente de admisibilidade igual a cero. Isto supuxo por enriba que esta declaración de superficies da PAC marcase o primeiro ano de compromisos no período do PDR 2015-2020, limitando o cobro por uso de toda esa superficie salvo que fose alegada”.

E matizan que, “paradoxicamente na recente publicada Lei Ómnibus, a Comisión Europea recoñece a singularidade deste aproveitamento con pastoreo, e suprime a obriga da consolidación herbácea, reducíndoo únicamente á consolidación do pastoreo sobre esa superficie, vindo a dar a razón das nosas propostas anteriores do 2015. Dende En Marea defendemos este tipo de especies leñosas e arbustivas como base da alimentación do noso ovino e caprino, o mesmo tempo que están a facer un traballo preventivo nos nosos montes moi importante”.

Nese senso, nesta proposición non de lei de En Marea pídese que o Parlamento de Galicia inste á Xunta a “engadir os pastos arbustivos e pastos sobre arboredo declarables nas axudas da PAC, tal e como teñen en outras comunidades autónomas”.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies