PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez pedirá no Parlamento unha nova liña de axudas para medidas preventivas fronte ataques da fauna salvaxe

Vén de presentar unha proposición non de lei, xunto a tamén deputada de En Marea Paula Quinteiro, para o seu debate no pleno da Cámara galega
O deputado de En Marea, Davide Rodríguez de Manzaneda, intervindo nun pleno no Parlamento galego.

O pasado 30 de novembro comezaban a recibirse as resolucións de axuda para a implantación de medidas preventivas fronte aos ataques de lobo e xabaril. “Todas elas teñen un prazo de xustificación que remata o 11 de decembro. A resolución deixa, no mellor dos casos, 10 días naturais para facer os trámites necesarios (sempre e cando se recibira a carta certificada onte e non o luns que vén). Na práctica, con dúas fins de semana e dous festivos nacionais polo medio, os gandeiros/as dispoñen de 6 días para poder mercar, pagar, identificar, certificar os investimentos e xustificar a axuda, como por exemplo, un cachorro de mastín. A todo isto hai que engadirlle que este ano, por mor dos incendios forestais, moita fauna salvaxe está a cercar as explotacións ao faltarlle o alimento”, aseguran dende En Marea os deputados autonómicos Davide Rodríguez e Paula Quinteiro.

Aseguran que esta situación “non é unha novidade para a Xunta de Galicia, xa que o ano pasado aconteceu exactamente o mesmo”, e ante isto, veñen de presentar unha proposición non de lei relativa á resolución de axuda para a implantación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo e xabaril para o seu debate no pleno do Parlamento galego.

Nela instan á Xunta de Galicia, por unha banda, a “sacar unha nova liña de subvencións onde se recollan os seguintes puntos: publicar as axudas a comezo de ano e permitir a solicitude das mesmas durante varios meses para non condicionar a realización dos investimentos por parte do peticionario (en especial para a adquisición de cans mastíns), engadir outros investimentos que agora non están contemplados e que son imprescindibles para a protección do gando como son os peches fixos con malla ovelleira e arames electrificados, así como a inclusión dos custes de mantemento dos mastíns e excluír dos investimentos asignados a cans de garda e protección, as razas de pastoreo ou “careo” como son o Carea Leonés ou o Can de Palleiro. Consideramos que estas son razas de pastoreo que serven para guiar o gando e non para protexelo”.

En segundo lugar, nesta proposición non de lei instan á Administración galega a “reunirse co sector agrogandeiro e cos grupos e entidades que promulgan a convivencia entre a actividade humana no rural e a fauna salvaxe para tratar de adaptar o marco lexislativo actual en materia de convivencia coa fauna salvaxe á situación real do territorio, en especial sobre a problemática do lobo”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close