PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez pide no Parlamento galego medidas para compensarlle aos agricultores a suba dos carburantes

Este deputado de En Marea vén de presentar, conxuntamente con Antón Sánchez, unha pregunta sobre esta tema para a súa resposta oral na Comisión 7ª da Cámara galega
O deputado de En Marea Davide Rodríguez, nunha intervención no Parlamento galego.

 

O consumo de gasoil representa o 69% dos custes enerxéticos totais dunha explotación agropecuaria e o subministro eléctrico constituiría o 24%. Son datos que poñen sobre a mesa os deputados de En Marea Davide Rodríguez e Antón Sánchez na iniciativa parlamentaria que veñen de rexistrar no Parlamento galego na que preguntan que pensa facer o Goberno galego para compensar aos agricultores e gandeiros pola subida do prezo do carburante e como pensa a Administración galega que dita subida pode afectar a economía galega os próximos anos. Preguntas que serán respostadas de forma oral na Comisión 7ª da Cámara galega.

No texto da iniciativa os deputados indican que o “prezo do gasoil medrou un 30% no último ano, chegando ata os 0,939 céntimos por litro, segundo os datos do Xeoportal de Hidrocarburos do Ministerio para la Transición Ecolóxica. Consecuentemente, os custes de produción das máis de 30.000 explotacións agrogandeiras galegas creceron, nalgúns casos ata 3.000 euros anuais. No conxunto do sector, os custes engadidos pola subida do carburante superan xa os 24 millóns de euros e, a xulgar polo panorama, parece que seguirán aumentando”.

Inciden en que a suba “dos custes de produción prexudican moi seriamente ás granxas leiteiras galegas e as explotacións que agora se ven na obriga de recoller o millo e de sementar as praderías co prezo do gasoil polas nubes” e resaltan que a “situación é dunha enorme gravidade, xa que afecta a todo o sector agrogandeiro e os traballadores e traballadores non teñen forma de facerlle fronte sen a axuda decidida das institucións. Na actualidade, o sector agrogandeiro recupera unha parte da subida do gasoil de uso agrario grazas a devolución dunha parte do imposto especial de hidrocarburos. Porén, é preciso que o Goberno do Estado mellore dita devolución e que as subidas do carburante repercutan no que os agricultores e gandeiros cobran polo seu produto”. Por iso preguntan se a Xunta ten previsto poñer en marcha algún tipo de medidas ante esta situación.

Artigos relacionados

Back to top button