PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez preguntará no Parlamento sobre a “falta de atención da Xunta” ante a seca na montaña do oriente ourensán

O deputado de En Marea fará unha pregunta oral en Comisión sobre este tema e destaca as “graves perdas que afrontan os agricultores, gandeiros e apicultores” desta parte da provincia que “tamén é Galiza”

 

Davide Rodríguez de Manzaneda, intervindo no Parlamento.

 

Un día despois de que os tractores tomasen as rúas de Viana do Bolo para pedir solucións ante graves problemas de seca que padecen os agricultores e gandeiros da montaña do oriente ourensán, o deputado de En Marea Davide Rodríguez de Manzaneda vén de rexistrar unha pregunta, xunto a tamén parlamentaria Paula Quinteiro, sobre este tema.

Trátase dunha pregunta para a súa resposta oral na Comisión 7ª relativa á falta de atención por parte da Xunta aos produtores de gando extensivo, castaña, apicultura e cereal afectados/as pola seca e as xeadas. Nela os deputados sinalan que o pasado día 7 o goberno galego aprobou “unha liña de axudas dotada de 1,5 millóns de euros para sufragar os custes derivados da contratación de créditos por agricultores afectados polos danos nos seus cultivos ocasionados por diversos fenómenos meteorolóxicos. A Xunta impuxo como condición que a contía mínima dos créditos que deben suscribir por explotación é de 3.000 euros, para cubrir necesidades de circulante ou para refinanciar a débeda”.

Para estes dous deputados de En Marea “este anuncio non soluciona a problemática á que se enfrontan estes agricultores” que piden “medidas ao respecto, como axudas directas (non créditos para financiar os intereses) para paliar a perda de produción e denunciar a falta de solucións por parte da Consellería de Medio Rural”.

Desde En Marea observase “con preocupación como os produtores e produtoras de gando extensivo, castaña, apicultores e apicultoras, etc. están sufrindo graves perdas de produción polas xeadas e a seca, ademais de ter que alimentar ao gando coas reservas para o inverno, non ter mel, que os castaños estean secos… con todo o que elo supón). A falta de choiva e de auga xa fixo que se activara a alerta por pre-seca fai moitos meses, e sen embargo, desde a Consellería de Medio Rural non se tomou ningunha medida ao respecto en previsión de que a situación podía complicarse”.

Así Davide Rodríguez recorda que na “lexislatura do rural”, moitos mozos e mozas emprendedores “fixeron grandes inversións, e agora vense abandonados/as: o seu medio de vida está morrendo e non se lles escoita nin se lle propoñen solucións. E mentras a Xunta mira para outro lado, familias que antes recollían 7.000 kilos de castañas agora non teñen nada, apicultores calculan que en lugar de 40.000 kilos de mel, agora recollerán 4.000, etc.”

“A montaña do oriente ourensán tamén é Galiza, por iso, non son poucos os agricultores que reclaman que a conselleira de Medio Rural vaia coñecer a zona onde viven, onde traballan, etc. para ver o problema en primeira persoa”, indican os estes dous deputados.

Dada a situación, despois de manter diversos contactos coas persoas afectadas, desde En Marea prantexarán no Parlamento diversas cuestións, como cándo se vai reunir a Conselleira de Medio Rural cos/as afectados/as para escoitar as súas problemáticas ou cál é a porcentaxe de afectados/as que se beneficiarán dos créditos para financiar os intereses.

Po outra banda, desde En Marea cuestionan que, noutras ocasións, “ante situacións así si se deran axudas directas aos/ás afectados/as, polo que preguntarán cál é o motivo que xustifique que desta vez non se faga así, senón cunha medida que se cadra, contribúe a que os/as afectados/as se endebeden máis, en vez de tentar paliar a súa problemática”.

 

Artigos relacionados

Back to top button