PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez solicita no Parlamento a transferencia da OU-701 á Xunta e a súa mellora

Acaba de presentar na Cámara galega unha proposición non de lei sobre esta estrada, cuxo percorrido actual comeza no entronque coa OU-536, pasando polos concellos de Trives, Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso

 

O deputado de En Marea Davide Rodríguez./ Foto: Carlos G. Hervella.

Na estrada OU-701 ao seu paso polo oriente ourensán céntrase a nova proposición non de lei que vén de rexistrar no Parlamento galego, para o seu debate en pleno, o deputado de En Marea Davide Rodríguez xunto ao seu compañeiro de grupo Antón García. Nela piden a transferencia deste vial da Deputación de Ourense á Xunta de Galicia.

Os parlamentarios plantexan na proposición a importancia das comunicacións no desenvolvemento dos pobos e entenden que “é obriga das Administracións Públicas, neste caso da Xunta de Galiza, contribuír ao desenvolvemento socioeconómico do país e traballar para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños cunha estrada adecuada aos tempos actuais”. Por iso, indican, “a mellora desta vía non só permitiría que se facilitaran os desprazamentos intracomarcais e intramunicipais, senón que tamén suporía un acceso para os usuarios desde a futura estación ferroviaria da Gudiña e desde a A-52”. Esta estrada é ademais “a principal vía de acceso de todo o norte de Portugal á Estación Invernal de Manzaneda”.

Comentan que o percorrido da actual OU-701 comeza no entronque coa OU-536, pasando durante os seus 33 quilómetros polos concellos de Pobra de Trives, Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. E subliñan que este vial “é fundamental para esta comarca, pois o 30% das entradas ao Xeodestino Manzaneda-Trevinca teñen lugar por ela e máis do 50% das chegadas á estación invernal e de esquí tamén”.

Por eses motivos, na proposición non de lei En Marea solicita que o Parlamento de Galicia inste á Xunta de Galicia a “solicitar á Deputación de Ourense a transferencia inmediata da estrada OU-701 e a maior celeridade nos trámites e prazos para facer efectiva tal transferencia”, así como a “incluír a obra de mellora do trazado e o deseño da estrada, que arrancando en Viana, segue por Vilariño de Conso, Manzaneda ata o seu entroncamento coa OU-536 en Trives, nos seus plans de actuación máis inmediatos, de forma que á maior brevidade posible se acometan as obras en beneficio de todos os usuariosda devandita vía de comunicación”. Tamén se pide que a Xunta asuma “o compromiso de que a devandita obra vai ser considerada prioritaria e que, polo tanto, vai quedar á marxe de calquera posible atraso”.

Artigos relacionados

Back to top button