PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez solicita no Parlamento unha reunión urxente da Xunta cos representantes os axentes forestais e medioambientais

Acaba de presentar, xunto a outros dous deputados de En Marea, unha proposición non de lei na Cámara galega pedindo que se retomen as negociacións “dunhas condicións de traballo dignas cun novo acordo” para estes traballadores
O deputado Davide Rodríguez, de En Marea, durante unha intervención no Parlamento galego.

Na situación dos axentes forestais e medioambientais en Galicia pon o foco a proposición non de lei que o deputado de En Marea no Parlamento de Galicia, Davide Rodríguez de Manzaneda, vén de presentar, xunto a Antón Sánchez e Marcos Cal, para o seu debate no pleno da Cámara.

No texto desta iniciativa  os deputados sinalan que a Xunta de Galicia leva “dende o ano 2017 coas negociacións paradas cos axentes forestais e medioambientais. Os representantes legais destes traballadorrs asinaron coa Administración Pública galega o “Acordo sobre condicións de traballo da escala de Axentes Forestais” o 24 de xuño do 2004 sobre o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas da escala de Axentes Forestais de Galicia e que foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 31 de marzo de 2005. Este acordo leva caducado máis de catro anos”.

Ademais aseguran que tanto estes traballadores como as organizacións sindicais, “solicitaron en varias ocasións á Xunta de Galicia que se renovara o dito acordo. Estas negociacións, que se iniciaron tras a vaga de lumes de 2017, quedaron suspendidas de xeito unilateral por orde da Dirección Xeral de Función Pública en decembro do citado ano”.

En opinión de En Marea, “a Xunta incumpre os acordos cos Axentes Forestais e Medioambientais que actualmente ten nunha situación precaria. Son varios os incumprimentos de acordos asinados cos axentes medioambientais e entre eles o primeiro que incumpren e o da redacción dun novo regulamento de funcións da escala, asinado o 15 de setembro de 2016 onde as Consellería de Facenda, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a consellería de Medio Rural se comprometían a no ano 2016 a redactar un novo regulamento”.

Na iniciativa tamén se recolle que “nun comunicado recente dos representantes sindicais, os traballadores do servizo están a valorar ir á folga indefinida na vindeira campaña de incendios, posto que ven como se acerca unha nova campaña de alto risco e sen obter resposta dunha reunión para a negociación dunhas condicións de traballo dignas cun novo acordo”, e, “de facerse efectiva esta folga, a Xunta de Galicia quedará sen directores de extinción, figura clave nun lume e que solo eles poden levar a cabo”, aseguran.

Ante isto, a proposición de En Marea pide que o Parlamento de Galicia inste a Xunta de Galicia a “reunirse de forma urxente cos representantes das axentes forestais e medioambientais para retomar así as negociacións e cumprir os acordos que hoxe a Xunta de Galiza non está a levar a cabo”.

Artigos relacionados

Back to top button