PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez solicitará no Parlamento que se clarifiquen as directrices nas franxas de protección dos núcleos rurais

O deputado de En Marea vén de rexistrar, xunto a Antón Sánchez e Paula Quinteiro, unha proposición non de lei para o seu debate no pleno da Cámara
O deputado Davide Rodríguez, de En Marea, no Parlamento galego.

Na prevención dos incendios forestais e, máis en concreto nas franxas de protección dos núcleos rurais, céntrase a nova proposición non de lei de vén de presentar no Parlamento de Galicia o deputado de En Marea Davide Rodríguez de Manzaneda, xunto aos seus compañeiros de grupo Antón Sánchez e Paula Quinteiro. No texto desta proposición, que se debatirá no pleno da Cámara galega, parten da grave problemática e das consecuencias que supoñen os lumes forestais que se “producen tódolos anos nos montes e no conxunto dos ecosistemas de Galiza”.

E inciden na importancia da prevención para evitalos poñendo o foco na xestión da biomasa forestal.  “Hoxe en día a normativa para realizar a prevención son a Lei 3/2007 de Prevención e Defensa Contra Incendios de Galicia e establécense novas medidas de xestión da biomasa vexetal. Dende a publicación da devandita modificación da Lei 3/2007, estamos observando que hai distintas interpretacións da mesma, incorrendo en graves erros cos conseguintes prexuízos á cidadanía”.

Nese senso, os parlamentarios mencionan as “circulares e bandos de concellos nos que se aplican distancias e obrigas que nada teñen que ver co aprobado pola Xunta de Galicia. Interpretacións da normativa distinta segundo cada distrito, habendo diferencias entre os distintos distritos de cada provincia. AAMM e técnicos que están dando charlas a asociacións de veciños, CCMM ou propietarios forestais, entre outros, interpretando canda un o lexislado ó seu bo entender”.

Os deputados de En Marea consideran que “o anteriormente dito está en moitos casos afectando ao patrimonio arbóreo (con cortas de árbores que non é preciso nin obriga) e incluso a liortas entre veciños e veciñas por unha mala interpretación da norma”. Cren que “desde a Administración Pública, neste caso dende a Consellería de Medio Rural, débese aplicar a Lei de montes e a Lei de incendios de Galiza cos mesmos criterios nas catro provincias, nos 19 distritos forestais e nos 313 concellos do país”.

Por isto, a través da proposición non de lei presentada, piden que o Parlamento de Galicia inste á Xunta a “informar e establecer directrices claras a tódolos concellos e distritos forestais de Galiza, a informar e formar de forma axeitada ás e aos axentes forestais e técnicos para unha axeitada aplicación das normas legais establecidas”, e finalmente, a “informar de forma axeitada ás e aos propietarios particulares e ás CCMM para unha acaida execución das normas establecidas”.

Artigos relacionados

Back to top button