PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez: “Un parlamentario do Ourense oriental é algo que nunca sucedeu”

O número 2 de En Marea por Ourense aposta por frear a sangría demográfica na zona e buscará que estea “debidamente representada”
Davide Rodríguez, esta mañá en Ourense. // Foto: Carlos G. Hervella
Davide Rodríguez, esta mañá en Ourense. // Foto: Carlos G. Hervella

O exalcalde do Concello de Manzaneda, Davide Rodríguez, irá como número 2 na lista de En Marea por Ourense, xusto por detrás da dramaturga Ánxeles Cuña. Foi o máis votado nas primarias internas pero, por corrección de xénero, será o segundo de a bordo. En declaracións ao Periódico O SIL valorou a importancia da súa candidatura que, fundamentalmente, se traducirá nunha representación máis directa do leste da provincia: “Que o parlamento conte con alguén do Ourense oriental é algo que nunca sucedeu”, explicou.

Rodríguez detallou que a súa motivación para dar o salto á política autonómica foi a experiencia “que nos avala”. “Un traballo de sete anos que creo que pode aportar bon facer ao medio rural”, continuou. Ve que a devandita área compón “unha das comarcas máis desfavorecidas da provincia e de todo Galicia” e cre que a Xunta está “en débeda” con toda ela. Por iso, entende que a solución pasa por “estar debidamente representada” para poder “ser moi sensibles coas políticas que se van desenvolver alí”.

O tamén líder da confluencia Somos Quen fixo fincapé nun dos problemas máis acuciantes do Ourense oriental: a perda de poboación. Así, aposta por “frear a sangría demográfica, como se fixo en Manzaneda”, pero tamén entende que cómpre “blindar” os servizos públicos esenciais que xestionan os Concellos e “reverter” os que se perderon, “como fixemos co CEIP de Manzaneda ou co Centro de Día”, concluíu.

Texto: Sara Fontenla

Máis información e fotos:
https://osil.info/en-marea-presenta-sua-lista-por-ourense-no-xardin-termal/

Artigos relacionados

Back to top button