EconomíaEconomíaÚltima hora

De Frutos volve pedir no Congreso que a silicose de primeiro grao sexa causa de incapacidade permanente total

Na lexislatura anterior o Congreso aprobaba unha proposición non de lei similar tamén promovida por esta deputada socialista ourensá

roc3

A deputada ourensá Rocío de Frutos (PSOE) vén de presentar á Mesa do Congreso dos deputados unha proposición non de lei para pedir que se modifique a lexislación actual e se recoñeza a “situación de incapacidade permanente nos supostos de silicose de grao I sen enfermidade interconcurrente para o sector da lousa e do granito”.

De Frutos asegura que “os casos de silicose multiplicáronse por dez na última década e a enfermidade afecta cada vez a traballadores máis novos, o cal é unha peculiaridade en relación ao que sucedía no sector do carbón, de modo que actualmente xurden máis casos de silicose na mineiral”. Ademais engade que segundo un estudo do Instituto Nacional da Silicose de Oviedo, “Galicia ocupa o primeiro posto en afectados por esta enfermidade, sendo Ourense, na comarca de O Barco de Valdeorras, e Pontevedra, as provincias máis afectadas, polas actividades de extracción de lousa e granito; así como Lugo, en Monforte de Lemos, onde numerosos traballadores prestan servizos na lousa e cementeiras”.

Esta é a segunda vez que esta deputada ourensá presenta unha iniciativa deste tipo no Congreso. Xa o fixera na anterior lexislatura, logrando sacala adiante, se ben “o goberno nada fixo para aplicala”, di. Agora volve a plantexar o mesmo con esta nova proposición non de lei. No seu texto pídese que o Congreso inste ao goberno español a que se “recoñeza que a silicose de primeiro grao, na que existindo unha situación de risco de continuar nese posto de traballo, ten sido declarado o traballador non apto no recoñecemento médico e na empresa non exista posto de traballo alternativo libre de po, sexa determinante dunha incapacidade permanente total para a profesión habitual”.

 

A deputada ourensá Rocío de Frutos./ Foto: Carlos G. Hervella.
A deputada ourensá Rocío de Frutos./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tamén se recolle no texto que “se garanta unha vixilancia postocupacional obrigatoria, ademais da vixilancia da saúde do traballador, a través do Sistema público de saúde” e que, para financiar a ampliación da cobertura á silicose de primeiro grao, se modifique no seu caso o Real Decreto 2930/1979 de 29 de decembro polo que “se desenvolve a tarifa de primas para a cotización á Seguridade Social polas contixencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais correspondentes á actividade de extracción e transformación de minerais e no correspondente a IMS”.

De Frutos explica que a lexislación actual só recoñece a incapacidade permanente total nos casos de silicose de segundo grao, “o que deixa nunha grave situación de desprotección a aqueles traballadores que teñen diagnosticada unha silicose de primeiro grao sen enfermidade interconcurrente derivada da silicose”.

Artigos relacionados

Back to top button