Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

De Nai a Nai aborda o inicio da alimentación complementaria nos bebés dende o enfoque BLW

O 23 de maio está prevista unha nova charla-coloquio ás 18h. no local desta asociación no Barco. Desta volta a temática que se abordará será a “lactancia materna para embarazadas”

O “Baby Led Weaning (BLW)” é un método gradual de introdución da alimentación complementaria nos bebés. En torno a el xiraba a charla-coloquio que organizaba na tarde do 16 de maio no Barco por De Nai a Nai (asociación barquense de apoio á lactancia materna e á crianza con apego).

A intervención corría a cargo de Lorena Prada, quen comezaba facendo unha breve exposición sobre o inicio da alimentación complementaria dende o enfoque do citado método. Nel vánselle ofrecendo ao cativo alimentos sólidos a partires dos seis meses. “Continúase así mantendo intacto o instinto de autorregulación do propio bebé, como se estaba facendo xa coa lactancia materna a demanda”, explicaba Prada.

Ademais explicáballes ás numerosas nais e tamén aos pais presentes as vantaxes deste método de alimentación fronte ao modelo tradicional, no que se seguía unha orde estrita da “introdución de alimentos, baseado na inmadurez do sistema dixestivo, e outras cuestións, xa que se iniciaba aos catro meses e non aos seis”.

A ponente referíase ás pequenas modificaciones para os bebés alimentados coa lactancia artificial e expoñía os requisitos e as condicións necesarias para levalo a cabo. Falaba asemade de substancias de risco, e substancias non recomendadas presentes nos alimentos e de como evitalas, tamén de alimentos recomendados e de alta calidade. Esta charla buscaba a participación das nais e pais e, tras a presentación, dábase paso ás súas intervencións buscando compartir experiencias.

Para o vindeiro 23 de maio está prevista unha nova charla-coloquio ás 18h. no local de De Nai a Nai no Barco (Casa da Xuventude, cuarto andar). Desta volta a temática que se abordará será a “lactancia materna para embarazadas”.

Artigos relacionados

Back to top button