CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

De Nai a Nai achega formación sobre “un xeito diferente de aprender e de educar”, no Barco

Esta asociación organizaba ao longo da xornada do 24 de novembro un novo obradoiro de eduación Montessori da man de Mercedes Urbiola

No reto e na aventura de ensinar aos máis pequenos centrábase o obradoiro intensivo sobre educación Montessori, titulado “Educación Cósmica I”, que se desenvolvía no local da asociación De Nai a Nai no Barco, ao longo da xornada do 24 de novembro coa asistencia dunhas quince persoas.

Esta acción formativa, cun total de oito horas (que só se interrumpía ao mediodía para xantar), estaba impartida por Mercedes Urbiola, socia fundadora de Galicia Montessori, pedagoga, guía titular do ambiente de Casa de nenos, guía de taller e nai. No decurso desta actividade botábase man de diversos materiais e técnicas para redescubrir sensacións, ideas e coñecementos para axudar aos máis pequenos a adentrarase no mundo da aprendizaxe.

“Neste taller volves revivir os contidos da educación, mirando cos ollos do teu propio neno interior e sentindo que existe unha forma diferente de aprender e de ensinar… Todo está interconectado”, en palabras da docente. Este taller permitíulles ás asistentes coñecer e adquirir moitas ferramentas para o traballo cos seus fillos, “partindo de ti mesma e comprendendo que outra realidade educativa é posible e que ti formas parte diso”.

Este é o terceiro obradoiro de educación Montessori que se organiza, cunha moi boa participación, dende De Nai a Nai neste outono.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button