SanidadeÚltima hora

De Nai a Nai participa activamente no proxecto estatal “Iniciativas Xurídicas e Lactación 2022”

Trátase da segunda edición destas xornadas promovidas por FEDALMA (Federación española de asociacións prol-lactación) en colaboración coa Cátedra Clínica Xurídica da Universidade de Elxe

 

A Asociación de apoio á lactación materna De Nai a Nai do Barco vén de participar, a través da súa presidenta Lorena Prada, na segunda “Xornada Iniciativas Xurídicas e Lactación”. Trátase dun proxecto organizado por FEDALMA (Federación española de asociacións prol-lactación) en colaboración coa Cátedra Clínica Xurídica da Universidade de Elxe. Lorena Prada Fernández, que é portavoz da Comisión de Conciliación, Igualdade e Lactación de Fedalma, é responsable do proxecto, por parte da federación.

Esta segunda xornada iniciábase coa primeira das reunións, que tivo lugar o pasado venres 11 de febreiro, e levou a cabo a través da plataforma zoom. Á reunión acudiron ademais de representantes da Comisión de Conciliación, Igualdade e Lactación de Fedalma, a presidenta de FEDALMA, Anaís Ferrández e a secretaria da Clínica Xurídica da Universidade Miguel Hernández ( UMH) de Elxe, Rosario Carmona, que resolveu as dúbidas expostas polas representantes das asociacións de apoio á lactación que acudiron, que neste caso foron as de Andalucía e Estremadura. Recolleu todas as necesidades e dúbidas expostas, así como as respostas e propostas de mellora, a alumna en prácticas da UMH de Elxe, Manoli Santamaría.

“A finalidade deste proxecto”, sinala Lorena Prada, “é facer unha radiografía da situación da conciliación no noso país, neste momento, e doutra banda, proporcionar información e resolver as dúbidas con respecto aos dereitos durante a maternidade. Para iso recolleranse todas as necesidades expostas durante as reunións, así como as propostas de solución”.

 

 

No decurso esta primeira reunión, as participantes reiteraron a petición do aumento do permiso de maternidade, “a un mínimo de seis meses, para cumprir coas recomendacións da OMS, de seis meses de lactación materna exclusiva”. Tamén se falaba “das necesidades das autónomas, da necesidade de tempo e dun lugar adecuado para extraerse leite no lugar de traballo, da necesidade de que se protexa a lactación materna dos riscos laborais e de que se protexa en xeral na contorna laboral e social. Para iso débese informar e formar a todos os/ as traballadores/ as, e aos seus superiores, hanse de contemplar os dereitos da lactación nos Plans de Igualdade das empresas, e tamén nos convenios. En definitiva, evidenciouse que a normativa actual é insuficiente en canto a medidas de conciliación e de protección da maternidade. É necesario visibilizar e normalizar a lactación no lugar de traballo así como en calquera outro ámbito da vida”, indica Lorena Prada.

Do mesmo xeito que na primeira edición do proxecto, utilizaranse todos os datos recolleitos para actualizar a “Guía Xurídica de Lactación” e emitirase un informe de resultados que publicará a UMH de Elxe. Esta guía publicábase no 2021 e, entre os seus contidos figuran propostas de mellora para a “configuración dun dereito igualitario”: propostas sobre o permiso do coidado do lactante, propostas non especificamente laborais e propostas relativas ao risco por lactación materna. Así mesmo na guía figuran dous anexos: un sobre bonificacións á conciliación de persoas autónomas e outro cunha relación de sentenzas relacionadas co risco durante a lactación natural no traballo.

Artigos relacionados

Back to top button