DeportesÚltima hora

De pesca na praia fluvial de San Clodio

O Concello de Ribas de Sil organizou un curso de dous días no que participaron máis de 20 nenos

Máis dunha vintena de cativos de toda a bisbarra, asistían ao curso de pesca para nenos organizado polo Concello de Ribas de Sil para os días 1 e 2 de abril na aula de Pesca da Praia Fluvial de San Clodio.

Tal como informan dende o Concello, o primeiro día os pequenos aprenderon nocións básicas sobre a pesca da man dos monitores do Club de Pesca de Monforte e despois pasaron o resto da mañá nas beiras do río Sil pescando coas súas flamantes cañas. “Moitos deles estrearon licenza e cana e outros xa despuntan como expertos pescadores” din.

Despois de disfrutar dunha merenda acompañados polos seus pais os cativos visitaron a piscifactoría Piscilor, onde un dos seus encargados, Óscar Gamallo, fixo de guía cun percorrido polas instalacións.

O segundo día, xoves 2 de abril tiñan lugar as prácticas, pescando nun estanque especialmente habilitado para o curso. Máis tarde procedían á preparación culinaria das troitas no CEIP de San Clodio contando coa colaboración dos pais e de Javier, cociñeiro titular do colexio. 

Artigos relacionados

Back to top button