EconomíaEconomíaÚltima hora

De ruta de pinchos polo Barco

O Barco CCA e AEVA veñen de presentar a cuarta edición desta ruta que se desenvolverá do 9 ao 19 de xaneiro en 14 establecementos de hostalaría da vila

Foto: Ángeles Rodríguez
Foto: Ángeles Rodríguez

Do 9 ao 19 de xaneiro despregarase a IV Ruta de Pinchos do Barco, coa participación de 14 establecementos da vila. Precisamente a súa duración é unha das novidades deste ano, xa que no 2013 esta iniciativa desenvolveuse nunha soa semana (do 15 ao 20 de xaneiro). Desta volta celebrarase ao longo de 15 días para facilitar así a participación do público.

A idea é manter a dinámica da pasada edición, é dicir, ofrecerase un pincho gratuíto aos clientes do local con cada consumición e, a maiores, daráselles a posibilidade de degustar o chamado “pincho estrela” a un prezo de 1,5 euros, explicaba o presidente do Barco CCA, Ángel Álvare, na presentación deste circuíto gastronómico que tiña lugar no mediodía do 8 de xaneiro na praza de abastos do Barco. No acto participaron os hostaleiros da ruta e amosáronse os pinchos que poderán degustarse a partir do 9 de xaneiro no locais.

Os establecementos, como na pasada edición, estarán agrupados en tres subrutas, que reciben o nome doutras tantas variedades de uvas da zona: godello, mencía e dona branca. Para guiarse con facilidade, tanto na oferta culinaria como no percorrido desta ruta, a organización (da que se ocupa un ano máis a Asociación Empresarial de Valdeorras e o Barco Centro Comercial Aberto en colaboración co Concello) editará un folleto-guía que poderá recollerse dende primeiros de xaneiro nos locais participantes. Nel figurarán os diferentes pinchos estrela (con fotos), así como os enderezos dos establecementos, os horarios nos que se servirán os pinchos e os días de peche (no caso de habelos). Haberá asemade un boleto apartado que se poderá ir selando cada vez que se visite un dos locais da ruta.

Texto e foto: Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button