En portadaGalerías de fotosÚltima hora

De verso en verso, por 34 establecementos do Barco CCA

Os centros educativos públicos do Barco e o colexio de Rubiá xúntanse co CCA para desenvolver unha campaña a prol da lingua e da literatura galega

“Na procura de Manuel María” é o título escollido para a campaña que, por segundo ano consecutivo, promoven os centros de ensino públicos do Barco, o colexio de Rubiá e O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) no marco da celebración do Día das Letras Galegas. Os seus contidos presentábanse na tarde do 11 de maio en rolda de prensa nas oficinas da entidade empresarial no Barco. “Nesta ocasión participaban 34 establecementos e esperamos que sexa unha iniciativa atractiva para todo o público”, aseguraba Sandra Moldes, presidenta do CCA.

Ao seu carón, os responsables dos equipos de normalización lingüística dos centros educativos participantes (os institutos Lauro Olmo e Martaguisela e os colexios Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán, Otero Pedrayo de Viloira e o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá) explicaban que a campaña ten dúas vertentes. Por unha banda, incluirá unha xincana polos establecementos comerciais participantes na procura dos versos do poema “A fala” de Manuel María. “Está aberta á cidadanía en xeral e isto é moi importante, porque deste xeito o proxecto este ano adquire unha nova dimensión, a parte de involucrar ao alumnado de primaria e secundaria de Valdeorras, tamén se volca na cidadanía en xeral. Este é un novo paso que queremos resaltar, porque o Día das Letras Galegas é unha festa de todos”, subliñaban os membros dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino.

A xincana, programada do 12 ao 31 de maio, consistirá en percorrer os locais cuxos escaparates estean decorados con versos de Manuel María e en ir ocupando no folleto os espazos co selo das tendas. Unha vez completado o percorrido, e polo tanto os selos, o folleto (cuberto cos datos do participante) depositarase nunha urna, que se instalará nun dos locais seleccionados polo CCA.

A segunda vertente da campaña será a colga dun tendal xigante no Malecón barquense con teas decoradas con versos de Manuel María (elixidos libremente polas aulas participantes) para que toda a cidadanía poida gozar da súa poesía. Está previsto que se colguen o vindeiro 19 de maio, pero esta actividade dependerá das condicións meteorolóxicas.

Fotos: Ángeles Rodríguez
Máis información no Especial Letras Galegas da edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button