En portadaGalerías de fotos

De viños, na 52ª Feira do Ribeiro

O certame, no que participan 10 adegas e 21 colleiteiros, celébrase na Alameda de Ribadavia ata o 3 de maio

A Banda de Música de Lira de Ribadavia e a de gaitas da Deputación poñían o son do acto inaugural da 52ª Feira do Viño do Ribeiro. O certame abría as súas portas na tarde do 1 de maio nunha Alameda de Ribadavia completamente ateigado de público e na que poderán degustarse ata o domingo 3 de maio os viños de 31 produtores, 10 adegas e 21 colleiteiros.

“O viño do Ribeiro é milenario, único, é a esencia de Galicia e despois de once séculos de historia pode presentarse hoxe aquí para a súa degustación e goce”, destacaba o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Ángel Viso, no acto inaugural da feira. Incidía asemade en que isto debe “facernos sentir orgullosos do que somos e do que sabemos facer”.

Ademais Viso aludía á feira e resaltaba que “somos punto de mira e referencia da viticultura galega e española, grazas aos nosos viticultores, colleiteiros e adegas. Xuntos estamos conseguindo que hoxe o Ribeiro estea en boca de todo o mundo, pola súa historia, calidade, polas súas variedades auctóctonas e polo gran traballo que se realiza dende a viña ata o consumidor”. Lembraba que “o viño no Ribeiro é unha paixón, é tradición, pero tamén é negocio” e destacaba o valor “da unión” do sector “para traballar en liña”. E como referencia de futuro apuntaba ao plan estratéxico no que se está a traballar nesa denominación de orixe ourensá.

De seguido, tomaba a palabra o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, quen indicaba que esta feira demostra que “o traballo desenvolvido polo Concello en colaboración co consello regulador vai collendo forza”. Recordaba os cambios introducidos nos últimos anos no certame “algúns novidosos, consensuados, arriscados” e nos que, mantendo o carácter popular da feira, “quixemos ir acompañándoo dunha alta cualificación nas diferentes actividades”. E entre as últimas incorporadas nesta edición subliñaba os brindes en globo ou a carreira popular. Por outra banda, ligaba o futuro deste concello a sectores como o enoturismo e revindicaba o valor dos viticultores, “son un eslabón clave para facer do Ribeiro un Ribeiro forte e un Ribeiro san”.

Na inauguración interviña tamén a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, quen se refería a historia e calidade dos viños do Ribeiro. O acto completábase coa lectura do pregón, que corría a cargo da xornalista Fernanda Tabarés, quen lembraba o inicio da súa profesión en Ribadavia, e comparaba o Ribeiro co Macondo de García Márquez.

A mostra dos viños do Ribeiro continuará ao longo da fin de semana cun completo e variado programa que incluirá catas, obradoiros de cociña, showcookings, o concurso de Escolas de Hostalaría de Galicia “Cociñar con viño”, a cata popular na igrexa da Madalena, actuacións musicais, etc. A feira completarase na tarde do 3 de maio cun acto de entrega de premios da cata popular ás 19:30h.

Texto: A.R. Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button