En portada

Decepción no sector do castiñeiro tras reunirse co Magrama pola praga da avespiña

A Rede Estatal do Castiñeiro pedía a solta de Torymus para frear o avance do insecto nos soutos españois
Imaxe da avespiña do castiñeiro.
Imaxe da avespiña do castiñeiro.

Medra a preocupación do sector español do castiñeiro ante a expansión da praga da avespiña (Dryocosmus kuriphilus), considerada a máis grave a nivel mundial neste cultivo. A única forma eficaz de facerlle fronte, tal e como se ten demostrado noutros países como Italia, é a solta dun depredador natural deste insecto o Torymus sinensis. E así llo transmitía de novo a Rede Estatal do Castiñeiro ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) na tarde do 11 de novembro en Madrid. É a cuarta xuntanza deste tipo que mantén o sector estatal (no que están representadas comunidades produtoras como Galicia, Castela e León, Estremadura e Andalucía, entre outras) coa Administración central insistindo nesta mesma demanda sen obter, polo de agora solucións. Neste caso reuníanse co director xeral de Sanidade da Produción Agraria, Valentín Almansa.

“Saímos moi decepcionados. Nós necesitamos unha solución política, unha vontade de facelo, pero o seu discurso é técnico. Explicámoslle o impacto económico e ambiental que supón que a avespiña acabe coa masa forestal de castiñeiros en Galicia e no resto da península, pero a resposta é que o ministerio ten que cumprir coa lexislación, cousa que nos tamén defendemos, e que fan falta informes técnicos. O que non entendemos é por qué noutros países como Portugal, Francia e Italia estase soltando Torymus e aquí non se autoriza esa solta”, explicaba á saída da reunión o presidente de Proagrosilga, o valdeorrés Francisco Barredo. Acordouse ademais celebrar unha nova reunión dentro dun mes ou mes e medio no Magrama, “pero temos poucas esperanzas porque volvemos ao mesmo punto no que estabamos”, engade Barredo.

Imaxe dunha reunión entre a Rede Estatal do Castiñeiro e o Magrama./ Foto: Rede Estatal do Castiñeiro.
Imaxe dunha reunión entre a Rede Estatal do Castiñeiro e o Magrama./ Foto: Rede Estatal do Castiñeiro.

Na mesma liña se manifestaba o presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Jesús Quintá, tamén presente na reunión e que resaltaba que como a solta de Torymus non vaia adiante, “o ano que vén empezaremos a falar de castañas en pasado en Galicia. Como na próxima reunión non saquemos unha solución positiva, o desastre vennos enriba”. Quintá mencionaba ademais o apoio da Consellería de Medio Rural para poder dar resposta a este problema en Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button