CulturaÚltima hora

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Monterrei xa é Festa de Interese Turístico

O único festival monográfico de gaitas de todo o mundo acada esta distinción tras máis de tres décadas de vida
Rafael Castro, José Luis Suárez, Xosé Lois Foxo e Rosendo Fernández.
Rafael Castro, José Luis Suárez, Xosé Lois Foxo e Rosendo Fernández.

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Monterrei vén de conseguir un paso máis na súa xa avanzada consolidación, logo de que a Xunta lle outorgase a declaración de Festa de Interese Turístico. Así o recolleu o DOG na súa edición do 18 de marzo nun anuncio que lle conferiu oficialidade a unha etiqueta que foi celebrada hoxe, 26 de abril, no seo do Pazo Provincial da Deputación de Ourense. A este acto acudiu o vicepresidente do ente provincial, Rosendo Fernández, o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, o alcalde do Concello de Monterrei, José Luis Suárez, e o axente de desenvolvemento do Concello de Monterrei, Rafael Castro.

Este festival, único pola súa singularidade e pola súa especialidade, tanto a nivel galego coma estatal, celebrará este ano a súa XXXI edición cun recoñecemento que vén a fixar, se cabe aínda máis, a súa consolidación no eido das músicas tradicionais. Naceu parello á Escola de Gaitas, pois foi un proxecto, segundo se recordou, iniciado no 1986 e que nun primeiro momento se levaba por distintas localidades da provincia ourensá. A partires do 2007 fixa o seu escenario no castelo de Monterrei.

Actualmente, o evento musical celébrase en dúas xornadas, e a segunda parte esbózase no marco cultural e histórico que ofrece a Ponte romana de Ourense. Non obstante, a nova distinción do festival conleva unha axuda de 3.000 euros para o municipio de Monterrei, que, segundo asegurou o seu rexedor, “permitirá dar un salto cualitativo e cuantitativo ao evento”.

Polo demais, as verbas de eloxio e agradecemento sucedéronse entre os distintos actores alí presentes, para subliñar, unha vez máis, a importancia desta cita, que noutras edicións adoitou levarse a cabo aló polo mes do San Xoán.

Artigos relacionados

Back to top button