EconomíaEconomíaÚltima hora

Degustación de olivas na apertura da oficina da Asociación de Amigos dos Aceites de Quiroga e Gallaecia

Neste acto inaugural, que tiña lugar o 11 de xullo, tamén se presentaba o logotipo desta entidade

A cruz da orde dos hospitalarios, o vaso da cata de aceite, unha rama de oliveira, unha ánfora, o crismón da Ermida e simboloxía celta. Son algúns dos elementos que reproduce no seu logotipo a Asociación de Amigos dos Aceites de Quiroga e Gallaecia (AMIAQUIGAL). Presentábao publicamente na tarde do 11 de xullo nun acto no que tamén se inauguraba o local co que contará esta entidade a partir de agora.

Esta oficina está situada en dependencias do edificio municipal da antiga cárcere, na estrada do Caurel, en Quiroga. “Nun principio vai servir como lugar de recepción e consultas, pero a idea é que evolucione cara unha oficina técnica de asesoramento xeral. De feito xa temos actuado nesa liña no taller de elaboración de encurtidos que se impartía a finais do 2017 e no curso de análise sensorial de aceites. Este ano organizamos ademais a cata da Feira do Aceite de Quiroga”, sinala José Espinosa, presidente de AMIAQUIGAL.

 

O presidente da asociación, na sede./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Durante o acto inaugural, servíanse diversos petiscos acompañados de viños e tamén se ofrecía unha degustación das olivas preparadas no taller de encurtidos que a asociación organizaba no pasado inverno. “Temos olivas da variedade arbequina, que por certo é unha oliveira que aquí aclimátase perfectamente e que desenvolve en Quiroga un perfil característico; e tamén das variedades autóctonas mansa e brava”, explica Espinosa.

Ao acto de apertura da sede da asociación acudían numerosas persoas, entre elas membros da Corporación quiroguesa como o seu alcalde, Julio Álvarez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button